O Centro Sociocomunitario de Caión acolleu este xoves unha nova xornada do programa ‘A Laracha Conecta’, dedicada nesta ocasión á relación entre lecer, deporte e turismo. O alcalde da Laracha e presidente da CMAT, José Manuel López Varela, aproveitou a súa intervención de apertura para poñer de manifesto o potencial do deporte como ferramenta de promoción turística, dinamización económica e xeración de oportunidades para os municipios da Costa da Morte.
López Varela incidiu en que as persoas que visitan un destino buscan cada vez máis experiencias e actividades que realizar, ademais de lugares que descubrir. Neste contexto, considerou que o deporte e o lecer activo permiten aproveitar os recursos naturais do territorio, diversificar a oferta turística e atraer visitantes con motivacións moi diferentes.
O alcalde repasou as posibilidades que ofrece a Costa da Morte para a práctica de numerosas disciplinas, tanto no litoral como no interior. Destacou especialmente o potencial do surf, pero tamén as oportunidades para practicar outras disciplinas deportivas que xeran actividade ao longo de todo o ano. Neste sentido, referiuse ao movemento que producen cada fin de semana os equipos federados de fútbol e baloncesto, así como ás competicións de patinaxe que acolle periodicamente o concello, con centos de participantes e acompañantes. Tamén destacou as carreiras populares, as probas ciclistas, os eventos internacionais de paraciclismo, as probas e adestramentos de salvamento acuático e as competicións de motor.
O rexedor subliñou que detrás destas actividades hai un importante traballo dos clubs, asociacións e entidades organizadoras, cuxa implicación permite manter viva a práctica deportiva e atraer persoas doutros lugares. Por iso, defendeu a necesidade dunha colaboración estreita entre as administracións públicas e estas entidades para facilitar a organización de eventos e aproveitar o seu retorno deportivo, social, turístico e económico.
Como exemplo das iniciativas municipais que contribúen a conectar deporte e turismo, citou o programa ‘A Laracha Activa’, que ofrece andainas e rutas en bicicleta de montaña que se poden realizar de maneira autónoma. Son propostas que permiten descubrir os espazos naturais do municipio e atraen persoas interesadas no lecer activo, o que axuda a ampliar a temporada turística, prolongar as estadías e favorecer o consumo nos establecementos locais.
O alcalde concluíu sinalando que a Costa da Morte conta con condicións naturais excepcionais, pero tamén cunha rede de clubs, deportistas, entidades, organizadores e profesionais que desenvolven un labor moi importante. O reto, apuntou, é seguir creando as condicións necesarias para impulsar a práctica deportiva, acoller máis actividades e competicións e conseguir que todo ese potencial se traduza en beneficios para os municipios.
Participación institucional e experiencias empresariais
A xornada contou tamén coa participación de Roberto García, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; e Carmen Pita, directora da Axencia de Turismo de Galicia, que interviñeron desde as súas respectivas responsabilidades para abordar a relación entre o deporte, o turismo e o ocio coas oportunidades de desenvolvemento do territorio.
O encontro, conducido por Nico Clouston, completouse coas achegas de tres profesionais que compartiron as súas experiencias e visións sobre o sector: Sara Torreiro, responsable de marketing de Casa Grande de Xanceda; Miguel Ángel Roig, fundador de Os Biosbardos; e Aida Aguiar, guía turística de Os Cascarilleiros.
Esta terceira xornada pecha o ciclo de encontros de ‘A Laracha Conecta’, iniciativa municipal orientada a fortalecer o tecido económico local, favorecer a colaboración entre os distintos sectores produtivos e identificar novas oportunidades de actividade e emprego.
