Alumnado de 2º de Educación Primaria do CEIP San Vicenzo de Vimianzo visitou a Casa Consistorial

1 minutes read

Alumnado de 2º de Educación Primaria do CEIP San Vicenzo de Vimianzo, acompañado dos seus profes, Mónica, María e Samuel, coñeceron este xoves de primeira man a Casa do Concello.

Durante a visita estiveron nas distintas dependencias municipais, desde o Rexistro Xeral ata Alcaldía, descubrindo os diferentes servizos e o traballo que se realiza no día a día do Concello.

O momento máis especial foi a celebración dun pleno infantil, no que os propios nenos e nenas presentaron as súas propostas, rogos e peticións, realizando as correspondentes votacións e coñecendo así o funcionamento dun pleno municipal.

Para a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e os concelleiros María José Pose e Miguel Pérez, foi, unha vez máis, unha experiencia marabillosa compartir este encontro, escoitar as súas ideas e comprobar o seu entusiasmo.

«O noso agradecemento ao profesorado e ao equipo directivo do CEIP San Vicenzo por promover estas iniciativas tan enriquecedoras, achegando a administración local aos máis pequenos e fomentando os valores da participación, do diálogo e da democracia. Porque escoitar aos nosos nenos e nenas tamén é unha maneira de construír un Vimianzo mellor», comunicaban desde o Goberno local, agradecendo a visita e afirmando que as portas do Concello estarán sempre abertas para eles.