O alcalde, José Manuel López Varela, aproveitou a sesión ordinaria do Pleno celebrada hoxe para anunciar que a principios da próxima semana sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a paralización durante un ano, prorrogable por outros dous máis, dos proxectos de plantas de biogás no termo municipal da Laracha acordada nunha sesión plenaria anterior. Tamén anunciou que o Concello da Laracha presentará alegacións á resolución publicada onte no DOG pola que se somete a información pública unha petición de execución dun pozo de barrena na parcela na que está proxectada a planta.
López Varela tamén avanzou que na Lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta, que se prevé aprobar o día 16 de decembro, contémplase a paralización do todos os expedientes de plantas de biogás en Galicia, o que entraría en vigor o 1 de xaneiro.
Por último sobre este asunto, o alcalde sentenciou que “estamos dando todos os pasos para que en Vista Alegre non haxa nunca unha planta de biogás”.
O Pleno comezara coa lectura dunha Declaración Institucional con motivo da celebración, no día de onte, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, gardándose a continuación un minuto de silencio en memoria das 48 vítimas en España no que vai de ano.
Así mesmo, deuse conta de que o concelleiro José Ramón Martínez Barbeito non continuará con dedicación exclusiva con motivo da súa inminente xubilación, e que vai ser asumida por Manuel García Montes. Martínez Barbeito continuará como tenente alcalde e portavoz, e foi adscrito ás dúas Comisións Informativas Permanentes do Pleno.
Tamén se deu conta da renuncia por motivos persoais do concelleiro do grupo municipal do Partido Popular Juan Carlos Amado Collazo. O alcalde agradeceulle o seu labor como edil durante os máis de tres anos nos que ocupou o cargo, desexoulle o mellor na súa vida persoal e laboral, e anunciou que xa foi solicitada a credencial á Xunta Electoral Central da seguinte persoa na lista do partido, que é Javier Suárez Liste.
Continuando cos puntos da Orde do Día, aprobouse con carácter definitivo a modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) trala resolución das alegacións presentadas durante o período de exposición pública. Fíxose coa única abstención dos tres edís do grupo do BNG. Entre as novidades máis relevantes figura a incorporación dun organigrama municipal que define a estrutura organizativa do Concello, queda contemplada a posibilidade de que determinados postos poidan ser desempeñados indistintamente por persoal laboral fixo ou funcionario de carreira como paso previo aos futuros procesos de funcionarización, e establécese unha nova valoración dos postos de nova creación mediante o correspondente sistema de complementos de destino e específicos. De maneira paralela, tamén se modifica o cadro de persoal para incorporar as sete prazas que contan con dotación orzamentaria no exercicio 2026. As restantes incorporacións previstas -ata un total de 19- realizaranse de forma progresiva nos vindeiros exercicios en función das necesidades organizativas, da dispoñibilidade orzamentaria e da normativa aplicable. Esta modificación da RPT é unha cuestión que se enmarca na potestade organizativa do Concello para adaptar a súa estrutura ás necesidades actuais dos servizos municipais e garantir unha prestación máis eficiente á cidadanía.
Do mesmo xeito, tamén se aprobou o convenio colectivo do persoal laboral e o acordo regulador do persoal funcionario, que é froito do acordado pola Mesa de Negociación e que facilitará o normal desenvolvemento das relacións de traballo do persoal do Concello.
O BNG denuncia incumprimento por parte do goberno municipal das súas obrigas legais de remisión de información ao Consello de Contas de Galicia en materia de contratación pública e convenios.
Segundo os nacionalistas, así o acredita o propio órgano fiscalizador en dúas comunicacións remitidas ao Concello, con data do 2 de novembro de 2026, nas que constata que a administración municipal nunca remitiu esta información desde que é legalmente esixible, malia os requirimentos efectuados ano tras ano.
«Non estamos diante dun esquecemento puntual nin dun simple atraso administrativo, e moito menos dun erro informático como dixo hoxe o alcalde no Pleno,senón dun incumprimento sistemático das obrigas legais durante anos. É dunha enorme gravidade que o goberno municipal desatenda reiteradamente os requirimentos do organismo encargado de fiscalizar a súa xestión e por riba culpe ó funcionariado », sinala Carolina Castiñeiras, portavoz municipal do BNG e candidata á Alcaldía daLaracha.
O Consello de Contas constata o incumprimento da Lei de Contratos do Sector Público, da Lei de Réxime Xurídico do Sector Público e do deber de colaboración co propio organismo fiscalizador, advertindo de que esta situación dificulta o exercicio das súas funcións de control externo.
Ademais, require a regularización inmediata da situación e advirte de que o Concello da Laracha figurará na relación pública de entidades incumpridoras, que será comunicada ao Parlamento de Galicia, á Xunta, á Deputación da Coruña e á Federación Galega de Municipios e Provincias.
«A transparencia é unha obriga legal e un dereito da veciñanza. Quen administra recursos públicos ten a obriga de render contas sobre como os xestiona», afirma Castiñeiras.
Desde o BNG da Laracha esixen ao alcalde explicacións públicas sobre os motivos destes incumprimentos, a asunción das responsabilidades políticas que correspondan e a inmediata remisión de toda a documentación pendente, ao tempo que lle afea que esta infomración fose reitida no día de hoxe, sen tempo para examinar a documentación antes da celebración do Pleno extraordinario no que se deu conta por imperativo legal, tentando así que un asunto tan grave pasase desapercivido. «A Laracha merece un goberno transparente, responsable e respectuoso cos mecanismos de control da xestión pública. O cumprimento da legalidade non pode depender da vontade de quen goberna», conclúe a portavoz nacionalista.
