O BNG propón crear 150 vivendas de protección pública na Costa da Morte

3 minutes read

O BNG vén de sinalar que a situación da vivenda na Costa da Morte «é insostible e cada vez é mais difícil acceder a un mercado que se dirixe ao sector turístico, por ser máis rendible para os arrendadores». Para os nacionalistas, son varios os factores que impiden a entrada nunha vivenda a calquera veciño ou veciña que teña un salario medio. Entre eles destacan os prezos desorbitados e disparados, tanto da pouca vivenda nova existente, como a de segunda man para rehabilitar.

«O mesmo acontece cos prezos dos alugueiros, que non se corresponden co nivel medio das nóminas que temos na comarca, superando sempre o 40 por cento dos salarios; e tamén a imposibilidade de asinar contratos de máis de 9 meses, dado que son moitos os pisos e casas que só se alugan entre os meses de outubro e maio», subliñou o BNG, que apuntou que «moitos dos arrendadores xa nin alugan os pisos, porque sácanlle máis rendemento económico nos catro meses do verán que no resto do ano».

Dende a formación nacionalista propoñen que a Xunta aprobe un plan de vivenda específico para a Costa da Morte, co obxectivo de poñer a disposición da veciñanza da comarca un mínimo de 150 vivendas, redistribuídas por todos os municipios. «En Corcubión xa puxeron a disposición da Consellería de Vivenda hai apenas dous meses terreos para facer 26  novas vivendas e rehabilitar outras seis de titularidade municipal», indicou o BNG, que salientou que «en Fisterra ou Cee seguen existindo un importante número de inmobles pertencentes á SAREB, que poderían ser cedidos ao IGVS para habilitalos como vivendas de protección pública».

Respecto a Carnota, os nacionalistas afirmaron que o municipio conta con solo suficiente para ceder á Consellería e construír máis vivenda de protección oficial, en varias localizacións como en Lamanín (A Carrasqueira), en Lamas de Castelo (en Quilmas, xunto o cemiterio) ou na Lomba (Lariño).

«E en Vimianzo existen solares suficientes na zona urbana para adquirilos e construír vivenda de protección oficial», engadiu a formación nacionalista, que sinalou que “en Zas poderíanse rehabilitar as antigas vivendas dos mestres para incluílas nas bolsas de alugueiro da Xunta de Galiza; e en Camariñas e Muxía, os gobernos locais deben desenvolver os solos urbanos non consolidados para facerse coas cesións obrigatorias aos concellos, e así poder destinalos tamén á construción de vivenda pública”.

O responsable comarcal do BNG da Costa da Morte, Xurxo Rodríguez, declarou que “ estamos a ver como a construción de vivenda nova de protección pública comezan a facela nas cidades e nos concellos de máis de 30.000 habitantes; é hora dos pequenos municipios, de impulsar proxectos nos concellos rurais da nosa comarca, se non queremos que sigan a baleirarse de xente por falta de servizos e vivenda, e se transformen en parques temáticos con só tres meses de vida no verán”.

Rodríguez manifestou que “pedimos construír e rehabilitar vivenda digna na Costa da Morte, unha demanda que é posible, e que o BNG impulsará dende todas as institucións nas que ten representación, tamén desde Madrid e con máis forza, se logramos máis apoio e máis escanos nestas eleccións do domingo”.