O novo campo de voluntariado internacional que se vai celebrar no Castro de Montes Claros baixo a organización do Concello e co apoio da Xunta de Galicia comezará o luns. Ao longo da xornada do domingo xa se agarda a chegada ao aloxamento habilitado no centro sociocultural de Santa Margarida -o antigo hospital dos peregrinos de Montemaior- dos quince participantes, dos cales dez son españois (A Coruña, Barcelona, Madrid, Valencia, Cantabria e Zaragoza) e os outros cinco proceden doutros países europeos como Italia, Francia, República Checa e Turquía.
Os campos de voluntariado dan a oportunidade aos mozos de 18 a 30 anos de idade de vivir unha experiencia única baseada en dous aspectos fundamentais: prestar un servizo de interese xeral á comunidade e reforzar os valores sociais a través da participación grupal con persoas procedentes doutras comunidades e países. Ao mesmo tempo, os voluntarios tamén desfrutarán de actividades de lecer complementarias.
Continuando coas intervencións desenvolvidas no Castro de Montes Claros en anos precedentes noutros campos de voluntariado de similares características a este, o traballo específico consistirá, fundamentalmente, en tarefas auxiliares de colaboración na escavación do xacemento como a limpeza dos afloramentos rochosos nos que é precisa a intervención manual ante a posibilidade de atopar petroglifos. Previamente os participantes recibirán formación relativa á identificación das estruturas do poboado fortificado e das paisaxes históricas. Tamén se fará especial fincapé no mantemento da biodiversidade animal e vexetal, fomentando o respecto e interese por preservar as paraxes de interese arqueolóxico, pero tamén aquelas que presentan riqueza medioambiental, etnográfica e patrimonial.
Ese traballo específico no castro levarase a cabo polas mañás, sempre baixo o control do monitorado especializado e con supervisión arqueolóxica. Nas tardes e nas fins de semana os voluntarios realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, a súa historia e tradición, e tamén outros puntos de Bergantiños, Costa da Morte e Galicia.
O campo de voluntariado do Castro de Montes Claros desenvolverase ata o 14 de agosto.