A Laracha pon en marcha unha nova edición do programa municipal “Finde na neve”

1 minutes read

Trátase dunha iniciativa consolidada que acadou unha alta participación nas edicións anteriores e que reflicte a aposta do Goberno local por ofrecer alternativas de ocio saudables, educativas e accesibles para a mocidade.

Con este programa, o Concello busca facilitar aos rapaces do municipio a oportunidade de vivir unha experiencia enriquecedora fóra do seu contorno habitual, fomentando a convivencia, o deporte e o contacto coa natureza, ao tempo que se inician na práctica do esquí, actividade que non sempre está ao alcance de todas as familias.

O programa desenvolverase do venres 20 ao domingo 22 de febreiro nas instalacións da estación invernal e de montaña Valgrande-Pajares, en Asturias. A cota que deberán abonar os participantes será de 200 euros, que inclúe o transporte en autobús, a estancia con pensión completa na propia estación, o aluguer do material (esquís, botas, bastóns e casco, o curso de esquí impartido por profesionais e o seguro de viaxe.

O prazo de preinscrición abrirase o luns 26 de xaneiro e pecharase o 5 de febreiro. As solicitudes poderán formalizarse en liña a través do formulario que estará dispoñible na web municipal www.alaracha.gal e nas redes sociais do Concello, ou de maneira presencial na Casa da Cultura. No caso de que o número de solicitudes supere o de prazas ofertadas, realizarase un sorteo público o 6 de febreiro ás 10:00 horas no viveiro de empresas do polígono industrial. Terán prioridade para obter praza, en primeiro lugar, os mozos que non participaran en ningunha edición anterior do programa e, en segundo lugar, aqueles que non tomaran parte na edición do ano pasado.