A Laracha renderá homenaxe aos seus maiores o 16 de maio

1 minutes read

O Concello organiza unha nova edición da tradicional Festa Homenaxe aos seus maiores, unha das citas que formarán a programación municipal arredor do Día das Letras Galegas. O evento celebrarase o sábado 16 de maio e irá dirixido a persoas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas.

Do mesmo xeito que nos anos anteriores, a celebración terá lugar no pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís. A apertura de portas está prevista para as 13:15 horas e, a partir das 13:30 horas, oficiarase a misa. A continuación desenvolverase o xantar. Trala comida haberá unha exhibición do alumnado dos cursos de baile en liña e bailes latinos da programación municipal. A xornada completarase cunha animada sobremesa amenizada con música en directo.

Para participar é necesario realizar inscrición previa, que poderá formalizarse entre os días 4 e 12 de maio no Edificio Administrativo da Laracha. O prezo será de 15 euros para as persoas empadroadas. O Concello tamén abre a posibilidade de asistir a acompañantes non empadroados, que poderán participar no evento cun prezo de 30 euros por persoa.

Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso co benestar das persoas maiores, ofrecéndolles unha proposta de lecer pensada para fomentar o encontro, a convivencia e o fortalecemento das relacións sociais nun ambiente festivo e participativo.