Trátase dun recoñecemento que o Concello obtén por terceiro ano consecutivo polo traballo desenvolvido en diferentes ámbitos relacionados coa sustentabilidade, a mellora da contorna urbana e a posta en valor dos espazos verdes do municipio, entre outras áreas.
A gala de entrega dos distintivos celebrouse hoxe en Salceda de Caselas. O concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, representou ao Concello da Laracha no acto e recolleu o diploma acreditativo.
Este recoñecemento pon en valor o conxunto de iniciativas impulsadas polo Concello para avanzar cara a un municipio máis sostible, accesible e respectuoso co medio ambiente. Entre elas figuran os proxectos de humanización de rúas e espazos públicos, as actuacións orientadas á redución das emisións de CO₂ mediante a promoción da eficiencia enerxética, a mellora na xestión dos residuos e a renovación das instalacións e edificios municipais. Tamén se teñen en conta os traballos de conservación e ampliación das zonas verdes, parques e xardíns, así como outras intervencións destinadas a mellorar a calidade dos espazos públicos e a súa integración na contorna.
‘Vilas en Flor’ é unha iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega co apoio da Asociación de Viveristas del Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR). Naceu en 2018 coa finalidade de recoñecer e impulsar o compromiso dos concellos galegos coa mellora ambiental, paisaxística e estética dos seus territorios.
O programa promove actuacións que contribúen á conservación da biodiversidade, á mellora das zonas verdes e dos espazos públicos e á creación de contornas máis agradables para vivir, ao tempo que pon en valor o patrimonio natural e paisaxístico como recurso para o desenvolvemento local e turístico.
