A parroquia carballesa de Verdillo celebrará o vindeiro sábado 12 de decembro unha xornada de homenaxe a don Constantino Campos Pena (Trasmonte-Ames, 15 de decembro de 1915 – Verdillo-Carballo, 29 de xuño de 2001), quen foi o seu párroco durante máis de tres décadas e deixou unha profunda pegada na vida social, cultural e relixiosa da comunidade.
A iniciativa, impulsada polas asociacións da parroquia de Verdillo, pretende lembrar e recoñecer a figura dunha persoa que desenvolveu un intenso labor pastoral e social na localidade desde 1968, así como preservar e dar a coñecer o seu legado ás novas xeracións.
Don Constantino foi ordenado sacerdote en maio de 1943 e desenvolveu a súa actividade pastoral en distintas parroquias da provincia. Estivo á fronte do Barro e Cabanas (A Baña) entre 1943 e 1968, de Verdillo entre 1968 e 2000 e de Artes entre 1975 e 1998. A súa traxectoria destacou polo compromiso coa mellora das infraestruturas parroquiais, coa rehabilitación de igrexas e centros comunitarios e coa construción de pistas de circulación; así como polo seu impulso á creación de entidades fundamentais para a vida asociativa local, como o Teleclub, a SD San Lorenzo ou a AC Arume de Verdillo. En recoñecemento á súa traxectoria, foi distinguido como Carballés do Ano 1998 pola asociación Fogar da Xuventude.
Os actos comezarán ás 12:00 horas cunha misa solemne na Igrexa Parroquial de San Lourenzo de Verdillo, presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, don Francisco José Prieto Fernández, e cantada polo Coro Aires de Bergantiños.
Ás 13:00 horas terá lugar o descubrimento dunha placa conmemorativa no exterior do Centro Social de Verdillo, como recoñecemento e recordo permanente á figura de don Constantino e á súa vinculación coa parroquia.
A continuación, ás 13:15 horas, o propio Centro Social acollerá un acto cultural no que se presentará o libro «Don Constantino: Memorias de Verdillo», elaborado por Venancio Serrano Lorenzo, profesor de ensino secundario na especialidade de Administración de Empresas. A publicación nace do traballo de recompilación de testemuños, fotografías, documentos e lembranzas da veciñanza, co propósito de reconstruír e documentar unha etapa fundamental da historia recente da parroquia e recuperar a memoria da persoa que contribuíu de maneira decisiva á súa transformación.
Este traballo está vinculado á iniciativa de recuperación da memoria de don Constantino posta en marcha o pasado mes de xullo, coincidindo co 25º aniversario do seu falecemento. Naquela altura, os impulsores do proxecto fixeron un chamamento á colaboración veciñal para reunir materiais e experiencias que permitisen reconstruír a súa traxectoria e o seu legado. A publicación do libro supón un paso importante na materialización dese propósito colectivo.
Ao remate dos actos servirase un pincho para todas as persoas asistentes, nunha xornada que pretende ser tamén un encontro da comunidade arredor da lembranza e do recoñecemento a unha figura moi querida en Verdillo.
A organización anima a toda a veciñanza, así como ás persoas que coñeceron e compartiron algunha etapa da vida de don Constantino, a participar nesta homenaxe.
A xornada está organizada polas asociacións da parroquia de Verdillo e conta coa colaboración do Concello de Carballo.
