A orquestra Cinema inicia este venres en Lalín a súa nova xira

1 minutes read

“Unidos deixamos pegada”. Ese é o nome da xira que a orquestra estradense Cinema iniciará o vindeiro venres día 15 en Lalín. A estas alturas a formación xa conta con máis de 100 datas pechadas para este 2024, consolidándose como unha das mellores e máis solicitadas orquestras galegas, xunto coa París de Noia e Panorama. Con poucos ocos por pechar no seu calendario, a estas alturas xa están a recibir reservas para o ano que vén.

Para esta tempada, Cinema preparou un espectáculo con máis focos e pantallas no que destacan novas fichaxes e retornos ao seu cadro de persoal. Contarán por exemplo con dous novos cantantes: Boris Jeyko, que estivo na París de Noia, ademais de en Fania Blanco Show, e Raúl Romero, quen xa estivo en Cinema, exercendo como responsable da parte técnica da orquestra. Raúl, é ademais irmán de César Romero, o responsable artístico da formación. Tamén se estrean Alexander Shlegel (trompetista que estivo na Favorita), Maury Manana (trompetista que formou parte de Olympus e New York) e Miguel Inaraja (guitarra que formou parte de Tango).

César Barruso, responsable de comunicación da orquestra estradense, destacou o crecemento constante da formación, sempre a partir da sólida base creada cos anos. Eso lles permitiu ser unha das orquestras máis demandadas do panorama actual da verbena galega.