Non era apostar a cabalo gañador que un xoves se enchese de público a Praza do Concello de Carballo, pero así foi. Centenares de persoas, que se poderían traducir en miles, abarrotaron o campo da festa a ritmo dunha soa orquestra, a París de Noia. É que falar da París son palabras maiores, trátase dunha das mellores formacións do país, cunha posta en escena espectacular e un repertorio moi medido ao público mozo actual.
Desde a súa fundación no ano 1957 os mellores artistas da verbena galega foron desfilando por esta orquestra, cantantes como José Antonio Blas, Pepi Rama, Pedro Conde, Quico Bea, Vanesa Fernández, David Balboa, Yesica Santín, Ruth Núñez, Cristian Maya, Cibrán Insua… e outros moitos, foron os que achegaron o seu gran de area para que esta formación se mantivese na elite.
Indubidablemente os tempos cambiaron, tamén os estilos musicais e as modas, pero París de Noia segue sendo unha das orquestras punteiras en Galicia e o motivo é que sempre soubo adaptarse aos tempos, é por eso que coidan moito o seu repertorio, baseado na actualidade, o vestiario, seguindo sempre as tendencias, a escenografía con coreografías vistosas e moi traballadas. Contan para iso cunha formación de 16 artistas no escenario traballando a diario con moitísimas ganas e cargados dunha enorme ilusión, convencidos de que poden gañar os aplausos dun público fiel e multitudinario que os segue en cada actuación.
Para que todo soe e luza dunha maneira espectacular dispoñen dun potente e moderno equipo de son e un gran escenario móbil co último tanto en iluminación como en pantallas de led. Un equipo técnico composto por 12 persoas encárganse de montalo e facer que todo soe e luza dunha maneira realmente impresionante. Boa proba diso deron este xoves na Praza do Concello en Carballo, e non é a única deste verán na zona, Santa Comba ou Sofán xa están na axenda desta mítica orquestra para esta tempada.