A plataforma veciñal contra o biogás na Laracha esixe unha regulación real e unha moratoria

1 minutes read
Imaxe do acto de entrega das 2.000 firmas da Iniciativa Popular Local ante o Concello da Laracha, no mes de agosto (Cedida pola Plataforma).

A plataforma que representa á veciñanza unida contra o proxecto de macroplanta de biogás da Laracha, emitiron un comunicado este martes en resposta ás informacións sobre a ‘Estratexia galega de fomento de pequenas plantas de biogás vinculadas ao sector agrogandeiro’, que lles foi comunicada pola Alcalde nunha reunión este luns e anunciada como a solución ante a preocupación veciñal sobre a macroplanta de Soandres pero que, aclararan, non é unha regulación específica e non afectaría a proxectos do tamaño e do tipo de
residuos do proxecto de biogás na Laracha.

«Esiximos unha moratoria e unha regulación real para o problema das macroplantas de biogás que xestionan de 60.000 a 100.000 toneladas, e que procesan residuos de todo tipo, non só puríns, senón tamén soro lácteo, residuos Sandach, lodos de
depuradoras e conserveiras, restos de matadoiros… e que, polo tanto, teñen un impacto no medio natural que pon en risco a saúde pública da veciñanza», afirman dende a Plataforma.


Advirten ademais, neste mesmo comunicado que «non tragaremos supostas solucións e medias verdades, porque somos moitas, estamos informadas e temos toda a forza da veciñanza», ao tempo que lle recordan ao Alcalde que a ferramenta
máis efectiva é a suspensión cautelar no outorgamento de licenzas para este tipo de industrias de residuos.


Por último, recordan que xa están preparando unha nova gran mobilización social para o sábado 7 de novembro , coa que convocan a toda a veciñanza, movemento asociativo, social e político de Bergantiños, en defensa do río Anllóns, a columna
vertebral da vida desta Comarca, tal como indican dende a Plataforma: “Toca volver saír á rúa e mostrar que a veciñanza quere participar e ser tida en conta nas decisións que lles afectan”.