A Xunta de Galicia volveu licitar a execución do proxecto de humanización e dotación de infraestruturas na contorna do CEIP Otero Pedrayo, cun orzamento de 411.019,71 euros. A actuación permitirá transformar e mellorar de maneira integral este espazo situado nas inmediacións do principal colexio do termo municipal, dando resposta ás necesidades de mobilidade e seguridade que xera a súa actividade diaria.
As obras están incluídas no Plan Hurbe, mediante un convenio de colaboración polo que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas asumirá o 70 % do financiamento, mentres que o Concello achegará o 30 % restante. Tras quedar deserto o primeiro procedemento, o proxecto volve saír a licitación mantendo o mesmo orzamento. O prazo de presentación de ofertas remata o 16 de novembro. Toda a documentación está dispoñible na plataforma Contratos Públicos de Galicia.
Un dos elementos principais do proxecto será a creación dun novo acceso ao colexio máis amplo e que ofreza maior facilidade para as manobras dos autobuses contribuíndo a mellorar a seguridade viaria nas entradas e saídas do centro de ensino. Tamén será acondicionado un novo aparcamento -para os propios autobuses escolares e vehículos particulares- nunha superficie aproximada de 6.000 metros cadrados. A nova zona disporá de prazas adaptadas e espazos específicos para motos e bicicletas.
O aparcamento estará acompañado dunha zona verde e de espazos peonís con beirarrúas e unha senda que permitirá ordenar os percorridos a pé e mellorar a conexión entre os diferentes puntos da contorna escolar. O deseño da actuación prioriza a mobilidade peonil e a accesibilidade para o alumnado, as familias e o persoal educativo.
Tamén se contempla a mellora da rede de recollida e evacuación das augas pluviais, incorporando solucións que permitirán aproveitar parte delas para a zona verde. Ademais, renovarase o alumeado público coa instalación de luminarias LED, máis eficientes desde o punto de vista enerxético. A actuación completarase coa instalación de mobiliario urbano e coa preinstalación para telecomunicacións.
As obras tamén permitirán avanzar na configuración futura das rúas José Añón Canedo, María Mariño e Urbano Lugrís. As novas infraestruturas quedarán dimensionadas para integrarse coas melloras previstas nestas vías de acceso ao colexio, favorecendo unha ordenación máis coherente da contorna.
A intervención supón unha actuación de especial relevancia para a comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo, ao mellorar as condicións de acceso ao centro e ofrecer un espazo máis seguro, accesible e funcional. A creación de novas zonas de estacionamento, a mellora dos itinerarios peonís e a incorporación de espazos verdes contribuirán a facilitar os desprazamentos diarios e a calidade urbana dunha contorna de uso habitual para numerosas familias e para o conxunto da veciñanza.
