Trátase duun inmoble tradicional onde se sitúa o renovado mercado mariñeiro. A intervención, apoiada pola Consellería do Mar, executouse ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) xestionadas a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa Sostible, contando cun investimento público de preto de 198.000 euros cofinanciado pola Xunta e polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
As obras acometeron a renovación integral de case 240 m2 deste emblemático edificio dos anos setenta situado fronte ao porto e a carón da lonxa. O novo deseño interior redistribúe o espazo para albergar unha área central destinada especificamente á comercialización de peixe e marisco fresco capturado pola frota artesanal fisterrá baixo a filosofía do selo de calidade Quilómetro Cero Mar Galaica, xunto con bancadas para a venda de froitas e verduras locais e a integración do lavadoiro tradicional como punto de descanso e interese visual.
Ademais da mellora de pavimentos, iluminación e revestimentos interiores e exteriores, o proxecto incorporou criterios de sustentabilidade e ordenación estética homoxénea que reflicten a identidade mariñeira da comarca, incluíndo servizos complementarios como un sistema dispensador de bolsas reutilizables para a veciñanza e visitantes.
