Dous mozos da Costa da Morte descobren o traballo no mar nunha xornada de pesca a bordo do Vilan Uno

2 minutes read

Xabi , de 15 anos, e Nicolás, de 16, participaron no territorio do GALP Costa da Morte nunha experiencia de embarque do proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”.

O proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” continúa achegando a mocidade galega á realidade do sector marítimo-pesqueiro a través dos seus embarques formativos. Nesta ocasión, dous mozos do territorio do GALP Costa da Morte tiveron a oportunidade de vivir unha xornada real de pesca profesional a bordo da embarcación Vilan Uno.

Xabi e Nicolásembarcaron ás 06:00 horas no porto de Camariñas, acompañados polo patrón, Tono, para coñecer de primeira man o traballo diario dunha embarcación pesqueira. A xornada rematou ás 10:30 horas, coa chegada a porto, tras unha experiencia que lles permitiu achegarse á actividade extractiva e descubrir as diferentes tarefas que forman parte dunha faena de pesca.

Durante a saída capturáronse distintas especies, entre elas nécoras, cefalópodos, santiaguiños, camaróns e varias especies de peixe. Ao remate da xornada, os dous mozos tamén colaboraron na clasificación das capturas, coñecendo así outra das tarefas fundamentais do traballo pesqueiro e o proceso que segue o produto desde a súa extracción no mar ata a súa chegada a porto.

Para Xabi e Nicolás, esta foi a súa primeira experiencia de embarque. Ambos valoraron moi positivamente a actividade, destacando que o pasaron moi ben e que non chegaron a marearse. A experiencia permitiulles compartir unhas horas coa tripulación e descubrir desde dentro unha profesión esencial para a economía e a identidade das comunidades costeiras galegas.

Os embarques constitúen unha das accións máis destacadas do proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, xa que ofrecen á mocidade a oportunidade de coñecer directamente o traballo dos profesionais do mar, comprender as particularidades da actividade pesqueira e descubrir as posibilidades laborais que ofrece o sector.

Impulsado conxuntamente polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, o proxecto ten como obxectivo fomentar o relevo xeracional, achegar a mocidade ás profesións marítimo-pesqueiras e promover a Formación Profesional Dual como unha vía de acceso a un emprego cualificado e con futuro.

Con esta experiencia no territorio do GALP Costa da Morte, o proxecto continúa reforzando a conexión entre a mocidade e o sector pesqueiro, contribuíndo a dar visibilidade ás súas profesións e a espertar novas vocacións entre as xeracións máis novas.