A praia das Salseiras de Caión conta xunto a un dos seus accesos cunha exposición permanente dedicada a dar a coñecer o impacto que os residuos plásticos teñen no medio mariño e costeiro e a promover hábitos máis responsables para contribuír á súa conservación. A mostra foi instalada recentemente polo Concello.
A través dunha proposta visual e divulgativa, as persoas que se acheguen ata este espazo poderán descubrir, mediante catro paneis interpretativos, como os plásticos se desprazan polas correntes oceánicas, que sucede con estes materiais cando chegan ao medio natural, o problema dos microplásticos e os efectos que a súa presenza pode ter sobre os ecosistemas e os animais mariños.
A exposición non só pretende informar sobre o problema dos plásticos, senón tamén convidar á reflexión sobre o papel que cada persoa pode desempeñar ante esta realidade. Cada un dos paneis incorpora propostas concretas sobre que podemos facer nós para reducir a presenza de plásticos no medio mariño, desde os pequenos xestos da vida cotiá ata a participación en accións de limpeza ou iniciativas de ciencia cidadá.
Os catro paneis están elaborados sobre estruturas de plástico reciclado, deseñadas para a súa instalación permanente na contorna da praia e resistentes ás condicións ambientais propias dese espazo.
Esta exposición forma parte do proxecto «O mar de Caión e o plástico: Reflexións dende a Praia», promovido polo Concello da Laracha e financiado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do GALP Costa da Morte, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.
A instalación desta exposición dá continuidade ás accións de sensibilización desenvolvidas no marco do proxecto, que incluíron, tamén, tres obradoiros de educación ambiental destinados a achegar á cidadanía a biodiversidade mariña galega e a problemática da contaminación por plásticos.
