A quinta edición de Escora Danza percorrerá catro concellos da Costa da Morte

3 minutes read
  • Escora Danza percorrerá nesta ocasión Corcubión, Malpica de Bergantiños, Mazaricos e Vimianzo.

O salón de plenos de Corcubión acolleu este mércores a presentación da quinta edición de Escora Danza, un ciclo organizado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña e que percorrerá catro concellos da Costa da Morte. Foi nunha rolda de prensa en que interviñeron a deputada de Cultura, Natividade González; o concelleiro de Cultura de Corcubión, Carlos Cristino; a comisaria do proxecto, Marcia Vázquez, e representantes de varios dos concellos e asociacións participantes.

O acto serviu para avanzar as principais liñas desta programación, que se desenvolverá no mes de xuño e volverá apostar pola danza como ferramenta de mediación cultural, participación social e diálogo co tecido local.

A responsabél provincial de Cultura amosouse «moi orgullosa» de poder participar na presentación da quinta edición de Escora Danza, porque «representa aquilo que queremos poñer en valor: o traballo no territorio, traballar para as persoas desde as persoas, traballar en comunidade, traballar coas asociacións, traballar de maneira intercultural, traballar cos Concellos, traballar co corpo…», relatou González.

Alén destes aspectos, a deputada tamén recalcou os beneficios da danza para a saúde, «porque coidando o benestar tamén vivimos en sociedades moito mellores», reivindicou.
O edil corcubionense destacou que é o terceiro ano consecutivo que o programa inclúe a súa localidade e agradeceulle a Deputación a súa axuda, pois «sen ela, nin esta nin outras iniciativas serían posíbeis», apuntou. «É moi satisfactorio ver como a xente moza leva adiante os seus proxectos», subliñou, ao tempo que garantiu o apoio do Concello «en todo o que poidamos».

A comisaria de Escora Danza explicou que o programa desta edición aposta por prestar atención «á diversidade de corpos, de idades e de formas». Reivindicou a danza como un «patrimonio común», mais tamén como algo «efémero».

«O que procuramos este ano é unha danza accesíbel que represente a pluralidade da cidadanía, de identidades e de realidades». Unha danza «híbrida» que nesta edición se mestura con monicreques, o circo, o teatro físico ou o baile tradicional, enumerou Marcia Vázquez.

Programación

Escora Danza percorrerá nesta ocasión Corcubión, Malpica de Bergantiños, Mazaricos e Vimianzo, mantendo a súa vocación interxeracional, comunitaria e descentralizada, con propostas deseñadas para cada territorio e coa participación de compañías e artistas galegas, así como novas incorporacións ao programa.

O ciclo comezará en Vimianzo o sábado 6 de xuño, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura. A xornada abrirase coa participación dos Coros de Cereixo e Carnés, xunto coa danza de Eva Comesaña, e incluirá a representación de Ma p’tite dame, da creadora francesa Claire Heggen, nunha función que supón a súa primeira vez en Galiza. A entrada será libre até completara a cabida.

Continuará en Corcubión o domingo 7 de xuño, ás 18:30 horas, no Campo do Rollo, cun programa que reúne as pezas Ouveo, de Mikel Aristegui, e Son libre, de Mikel Aristegui e Clara López Villar, ademais da presentación de As pegadas do baile, de Artur Puga. En caso de choiva, a actividade trasladarase á Casa da Cultura de Corcubión.

A seguinte parada será en Malpica de Bergantiños o sábado 13 de xuño, ás 19:00 horas, no porto, onde se poderán ver os espectáculos SO-FA(R) FROM ME (aéreo), da compañía Martaalonsotejada, e O. Que todo volva comezar, da AC Raigañas, dirixido por Rut Balbís. A entrada será libre até completar a capacidade e, en caso de choiva, o evento trasladarase ao Centro Cívico.

O peche do programa terá lugar en Mazaricos o domingo 14 de xuño, ás 18:30 horas, no recinto feiral da Picota, cunha proposta que inclúe Traktor, da veciñanza de Mazaricos, dirixido por Anuska Fernández e Yas Deluaces, e A noite do cuco, de Jandross Rodríguez. A xornada rematará cunha sesión DJ a cargo de WG83.