A ciencia entrou este venres de cheo nos campamentos de verán de Carballo. Catro investigadoras do municipio compartiron unha mañá coa rapazada a través de xogos, experimentos e actividades prácticas nunha nova acción do proxecto europeo Talento Quilómetro Cero (TALK0).
A xornada contou ademais coa presenza de Emérita Soliño, Project Officer do proxecto, que se desprazou a Carballo para coñecer de primeira man como se está desenvolvendo unha iniciativa que pretende achegar a investigación á cidadanía e, moi especialmente, fomentar as vocacións científicas entre as xeracións máis novas.
Durante a súa estadía no noso concello realizou un percorrido polos distintos obradoiros e puido comprobar directamente a resposta dos nenos e nenas ás propostas das catro científicas participantes: a enxeñeira química Xanel Vecino, da Universidade de Vigo; a bióloga especialista en solo María Gómez Brandón, tamén da UVigo; a socióloga e docente María Andrade, da Universidade da Coruña, e a informática experta en ciberseguridade Olalla Rama.
Cada unha delas trasladou o seu ámbito de traballo a unha linguaxe accesible e participativa, o que fixo posible que a rapazada experimentase, preguntase e descubrise que detrás da ciencia hai persoas próximas, con traxectorias moi diferentes e, neste caso, cun vínculo directo con Carballo.
Ese é precisamente un dos eixes do TALK0: converter o talento científico do propio territorio en referente para a cidadanía e demostrar que a investigación non é algo afastado da vida cotiá.
A visita deixou tamén un encontro con outras dúas científicas carballesas: Verónica Bolón, e Karina Pombo, natural de Ardaña, que estes días está de vacacións na parroquia.
Antes de achegarse aos campamentos, a responsable europea participou nunha xuntanza de traballo na casa do concello co concelleiro de Innovación, Iván Andrade, e coa responsable de Comunicación, Cristina Abelleira, que forma parte do equipo coordinador do TALK0. Durante o encontro revisáronse as primeiras actividades desenvolvidas, a evolución do proxecto e os próximos pasos da programación.
Para Iván Andrade, a xornada permitiu amosar “a parte máis importante do TALK0: que a ciencia chegue á xente”. O concelleiro destacou a importancia de ofrecer referentes próximos, especialmente ás nenas: “Non hai mellor maneira de fomentar vocacións que poder dicirlles que esas científicas que teñen diante creceron aquí, estudaron aquí e hoxe están desenvolvendo carreiras de primeiro nivel”.
A actividade deste venres forma parte da programación que Carballo está a desenvolver arredor do TALK0, un proxecto europeo de divulgación científica que terá un dos seus momentos centrais o próximo 25 de setembro coa Noite Europea das Persoas Investigadoras.
Con iniciativas coma a desta mañá, o proxecto comeza xa a cumprir un dos seus principais obxectivos: sacar a ciencia dos espazos habituais e levala alí onde está a xente, neste caso aos campamentos de verán.