A Revolta é unha mina; Carballo segue medrando como centro comercial e de servizos da Costa da Morte

1 minutes read

A avenida da Revolta sumará dous novos establecementos comerciais e unha multinacional tantea os poucos solares que quedan fronte á AC-552.

Action, cunha tenda de artigos do fogar e outros produtos de consumo, e Aldi, cun novo supermercado, onde está prevista a demolición dunha edificación existente e a construción dun novo inmoble, serán de inmediato as novas ofertas comerciais desta zona de Carballo que se converteu nunha ‘mina de ouro’ nos últimos anos tras a aterraxe do Parque Comercial A Revolta.

Tanto Action como Aldi xa iniciaron a tramitación urbanística no Concello. Son dous exemplos do investimento privado que segue chegando a Carballo, ampliando a oferta comercial e abrindo novas oportunidades de actividade económica e de emprego.

E como non hai dúas sen tres, unha multinacional do ocio e a diversión ofertou varios millóns de euros polos solares e aledaños da antiga sala de festas con máis de media ducia de propietarios implicados (en tiras de 8 metros de fronte á estrada comarcal e 100 de fondo), preto de dez mil metros cadrados de superficie.