O Concello renova a súa aposta polas artes escénicas coa nova edición dos Venres Teatrais, unha das citas destacadas cada ano na programación cultural municipal. O ciclo desenvolverase ao longo do mes de novembro con catro funcións que ofrecen unha ampla variedade de estilos e temáticas, desde a comedia e a revisión crítica da historia ata a reflexión sobre a perda, a memoria e os conflitos sociais do presente.
As representacións terán lugar os venres 6, 13, 20 e 27 de novembro ás 21:00 horas na Casa da Cultura da Laracha. Todas as obras están recomendadas para maiores de 13 anos e o acceso será libre e gratuíto ata completar o aforo da sala.
A programación deste ano reúne compañías e profesionais destacados do teatro galego e propón ao público unha experiencia que vai máis aló do entretemento, con historias que convidan a pensar sobre a sociedade, a cultura, a liberdade e as relacións humanas.
O ciclo abrirase o venres 6 de novembro conArtur Ui, o ovo da serpe, unha produción de Talía Teatro dirixida por Quico Cadaval. A partir dos recursos da comedia e do teatro épico, a obra propón unha mirada crítica e irónica sobre os mecanismos do poder e a natureza do autoritarismo. Ademais de homenaxear un clásico do século XX, a montaxe establece paralelismos co momento actual e invita a reflexionar sobre como xorden e se manifestan ao longo da historia determinadas formas de dominación. O elenco está integrado por Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo.
O 13 de novembro será a quenda paraO proceso, de Malasombra Producións, escrita e dirixida por Cándido Pazó. A peza parte dun episodio histórico acontecido en 1880, cando o escritor Manuel Curros Enríquez foi denunciado polo bispo de Ourense por varios poemas do seu libro Aires da miña terra, unha obra fundamental do Rexurdimento galego. A partir deste proceso xudicial, o espectáculo aborda en clave de sainete cómico cuestións de plena actualidade, como o uso da xustiza con fins políticos, ademais da lingua, a cultura e a identidade. Tres actores e unha actriz dan vida a once personaxes da sociedade ourensá de finais do século XIX, nunha montaxe que combina humor, rigor histórico e reflexión. O elenco está formado por Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal.
O 20 de novembro representarase Tromsø, da compañía Morraoconto, con dirección de Rafa R. Martínez e interpretación de Miguel Gendre, Lara Pouso e Lidia Veiga. A obra aborda a perda dun ser querido e o difícil proceso de convivir coa ausencia, pero faino desde unha perspectiva que combina humor, tristura e esperanza. A través dunha viaxe simbólica polos mares do norte, a peza explora a posibilidade de deixar atrás a dor e atopar un lugar para a memoria e a recuperación emocional. Trátase dunha proposta multidisciplinar que mestura teatro, danza, proxeccións, máscaras e música en directo para construír unha experiencia escénica singular.
O ciclo pecharase o 27 de novembro con Riazor Ostia, de Os Náufragos Teatro, unha creación de Gustavo del Río interpretada por Denis Gómez, Santiago Cuquejo, María Roja e Davide González. Concibida como un poema escénico sobre o odio, a intolerancia e a resistencia, a obra recupera a figura e o pensamento de Pier Paolo Pasolini para afondar nas feridas que seguen abertas arredor da violencia e a memoria. A montaxe conecta o asasinato do intelectual italiano coas tensións sociais do presente e aborda cuestións como a visibilidade LGTBIQ+, a xustiza, a educación, a relixión e a política, transformando a memoria nunha invitación á reflexión e á esperanza.
Coa nova edición dos Venres Teatrais, o Concello continúa achegando á veciñanza propostas escénicas de calidade e favorecendo o acceso á cultura sen necesidade de saír do municipio. A combinación de comedia, pensamento crítico e linguaxes teatrais diversas consolida este ciclo como unha oportunidade para descubrir o talento das compañías galegas e gozar do teatro como espazo de encontro, emoción e reflexión colectiva.
Os Venres Teatrais da Laracha son organizados co apoio económico da Deputación da Coruña.
