O Bloque Nacionalista Galego de Bergantiños celebra a incorporación de dúas representantes da comarca á candidatura ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña, aprobada polo Consello Nacional do BNG.
Trátase de Tatiana Rellán Castro, de Cabana de Bergantiños, que ocupará o posto número 6 da candidatura, e Cristina Vázquez del Prisco, de Laxe, que figura como suplente número 6.
Desde a organización comarcal valoran moi positivamente esta representación, que consideran un recoñecemento ao traballo desenvolvido polo nacionalismo nos distintos concellos de Bergantiños e ao compromiso das persoas que, desde o ámbito municipal, traballan diariamente na defensa dos intereses da veciñanza.
«A presenza de Tatiana e Cristina na candidatura é motivo de orgullo para toda a organización comarcal. Son dúas compañeiras comprometidas coa súa terra, que representan o traballo, a ilusión e a vontade de transformación que caracterizan o proxecto do BNG», destacan desde a dirección comarcal.

Cristina Vázquez.
O BNG de Bergantiños salienta que a comarca precisa unha voz forte na defensa das súas necesidades, especialmente en cuestións fundamentais como as infraestruturas, a mobilidade, os servizos públicos, a vivenda, a actividade económica e o futuro dos sectores produtivos.
«Bergantiños ten demasiadas necesidades e reivindicacións históricas que non poden continuar agardando. Precisamos que Galiza teña máis forza en Madrid e que as decisións que afectan ao noso territorio non dependan exclusivamente dos intereses dos partidos estatais», sinalan.
A organización comarcal considera que as eleccións do próximo 29 de novembro constitúen unha oportunidade para ampliar a representación do BNG no Congreso e reforzar unha voz galega propia, capaz de defender os intereses do país con independencia e firmeza.
Finalmente, o BNG de Bergantiños reafirma o seu compromiso de desenvolver unha campaña activa nos sete concellos da comarca, coa participación da militancia e das organizacións locais.
«A presenza de Tatiana e Cristina na candidatura é tamén un estímulo para seguir fortalecendo o BNG en Bergantiños. Afrontamos estas eleccións con ilusión, responsabilidade e o convencemento de que canto máis forte sexa o BNG, máis forte será a voz de Galiza», subliñaron desde a formación nacionalista.
