A Romaría da Barca 2026 pechou cun balance positivo a primeira edición organizada polo Concello de Muxía

3 minutes read

A Romaría da Virxe da Barca pechou a súa edición de 2026 tras catro días nos que Muxía volveu reunir a milleiros de persoas arredor dunha das celebracións máis importantes do municipio.
Esta edición estivo marcada, ademais, por un cambio importante na organización da festa, xa que, por primeira vez na súa historia, foi o propio Concello de Muxía o encargado de organizar directamente a Romaría da Barca.
A programación desenvolveuse entre o venres 11 e o luns 14 de setembro, combinando os actos relixiosos e tradicionais da romaría cunha ampla proposta musical e festiva dirixida a públicos de diferentes idades.


Desde o Concello destacan especialmente a afluencia rexistrada na xornada do venres, cunha programación que buscou atraer tamén ao público máis novo, e a resposta do luns, con actuacións orientadas a un público de maior idade. Ambas as xornadas rexistraron este ano unha presenza de público especialmente destacada respecto ao habitual nestes días da Romaría.


O bo tempo acompañou durante a celebración e contribuíu tamén á elevada presenza de público. A Romaría confirmou ademais o seu carácter cada vez máis internacional, coa presenza de numerosos visitantes procedentes doutros países que se achegaron a Muxía para coñecer e participar nunha das súas celebracións máis emblemáticas.


Tradición e música durante catro días


A Romaría comezou o venres co pregón na praza do Voluntariado “Coído”, onde tamén tivo lugar o concerto de Sés. Xa pola noite, 9Louro, Disco Móbil Impacto e Orquestra Bomba protagonizaron unha programación especialmente dirixida ao público máis novo, nunha xornada que rexistrou unha gran afluencia.


Durante o venres, sábado e domingo, Muxía acolleu tamén o mercado de artesanía «A paisaxe que sabe», promovido pola Deputación da Coruña, que formou parte da programación da Romaría durante as tres xornadas.


O sábado, París de Noia e a Orquestra Fuego protagonizaron unha das grandes noites da Romaría, na que tamén tivo lugar o tradicional espectáculo de fogos de artificio.


O domingo concentrou algúns dos momentos máis tradicionais da festa. A xornada contou coa tradicional procesión da Virxe da Barca, que levou a imaxe desde o Santuario ata o peirao e, desde alí, á igrexa parroquial, ademais da Misa da Virxe da Barca e da posterior tirada da maior traca de Galicia, que este ano volveu sorprender ao numeroso público congregado. A programación continuou co tardeo de Mar Dávila e, pola noite, coas actuacións de Satélites e Orquestra Magos.


O luns, a Virxe regresou ao Santuario, onde se celebrou a misa das 12.00 horas. A última xornada da Romaría contou tamén coas actuacións de Olympus e Escaparate, cunha programación que atraeu especialmente a un público de maior idade e prolongou ata o último día a elevada participación vivida durante toda a Romaría.


Outra das novidades introducidas este ano foi a reorganización dalgúns horarios durante as tardes, reducindo a presenza de música de rúa en determinadas franxas para facilitar a convivencia entre o ambiente propio da festa e o descanso de veciñanza e visitantes. A valoración realizada tras a romaría destacou precisamente un ambiente máis tranquilo e familiar e un maior respecto polos tempos de descanso.


Agradecemento á colaboración


Desde a Alcaldía agradecen a colaboración de todas as persoas que, dun xeito ou doutro, participaron e contribuíron ao desenvolvemento da Romaría da Barca 2026, nunha edición na que o Concello asumiu por primeira vez a organización directa da celebración.
O Concello agradece tamén a resposta da veciñanza e das numerosas persoas que se achegaron a Muxía durante os catro días para participar nos diferentes actos da programación.


Dispositivo de seguridade e emerxencias


A elevada afluencia de visitantes requiriu dun importante dispositivo de seguridade e emerxencias. A Romaría contou durante os catro días con dúas unidades de ambulancias e seis técnicos, ademais de numerosos efectivos de Protección Civil, Policía Local e Garda Civil.
A celebración transcorreu sen incidencias destacadas, pechando así catro días de actividade continuada e elevada presenza de público en Muxía.