A Unión Europea baralla seriamente pagar a ElonMusk polo servizo da internet Starlink, vital neste momento para Ucraína. Tras discutir o asunto durante a última reunión dos ministros de Exteriores do bloque, Bruxelas parece mostrarse proclive a facerse cargo dos custos que xera o famoso servizo da internet satelital no país europeo.
A través dos seus famosos e sempre controvertidos tuits, o pai de Tesla e SpaceX suxerira hai uns días unha solución de paz entre Kiev e Moscova que, certamente, non contentou a ninguén senón todo o contrario. Fóra ou non por despeito, pouco despois das críticas recibidas Musk anunciaba a súa incapacidade de seguir financiando «indefinidamente» o servizo de Starlink en Ucraína, que depende en gran medida destes satélites para poder comunicarse vía internet. Musk suxería ao Pentágono e a Unión Europea que se fixesen cargo desas facturas.
O ministro de Exteriores de Lituania, Gabrielius Landsbergis, confirmaba que a opción de pagar está a barallarse realmente, aínda que só sexa, dicía, «para evitar que un servizo tan fundamental para Ucraína en plena guerra con Rusia quede nas mans dunha soa persoa». Ata o momento, SpaceX doou preto de 20.000 unidades Starlink a Kiev, o que lle custou á compañía ao redor de 80 millóns de dólares, segundo cálculos anunciados polo propio Musk.