A veciñanza da Laracha manifestarase este sábado contra a planta de biogás e pola defensa do río Anllóns

1 minutes read

Este sábado a veciñanza da Laracha vaise manifestar para amosar a súa preocupación e rexeitamento do proxecto de macroplanta de Biogás que está proxectada na parroquia de Soandres, a menos de 300 metros das casas e co río Anllóns como vertedoiro dos residuos líquidos que xerará esta instalación.

A manifestación partirá ás 12:00 horas da praza Les Sables d’Olonne, a carón da Biblioteca Municipal, e percorrerá varias rúas da Laracha ata rematar na praza do Concello onde a Plataforma Stop Biogás A Laracha procederá a ler un manifesto.

Este polémico proxecto, que está en fase de alegacións, conta xa co posicionamento en contra do propio Concello da Laracha e do resto de grupos políticos do consistorio, tamén da Deputación da Coruña e dos concellos limítrofes coa Laracha que, xunto coa veciñanza, están preocupados polas consecuencias medioambientais dos vertidos de residuos líquidos ao río Anllóns, en cantidade equivalente a 2.000 camións cisterna cada ano, e o que iso impactaría nos hábitats do río e da propia poboación que capta auga do río para o seu consumo.

Outro dos puntos que máis preocupan é a contaminación do aire coa produción de cheiros perxudiciais para a saúde, tal como relataba o Médico Neumólogo Evaristo Lombardero na charla informativa organizada pola Plataforma, que tivo lugar o pasado sábado 2 no Mosteiro de Soandres e na que partindo de datos científicos e casos reais, a veciñanza puido comprobar os danos deste tipo de de macroproxectos na saúde das persoas.

Ao día seguinte, o domingo ás 12:00h no Casino de Carballo, a Plataforma Stop Biogás A Laracha organiza unha nova charla informativa con expertos, na que participarán Laura Barral, bióloga do CICA da UDC, Evaristo Domínguez do Instituto de Estudos Bergantiñáns e Vanessa Abeleira, enxeñeira civil.