Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar a Construcciones López Cao S.L. a execución do proxecto de mellora viaria na parroquia de Soandres de acordo á proposta da Mesa de Contratación tras valorar e cualificar as propostas das sete empresas licitadoras.
A intervención afecta a varios tramos da estrada municipal que comunica os núcleos de Encián, As Senras e O Priorato, e que por tanto dá acceso ao mosteiro de San Pedro. Contémplase a mellora da superficie de rodadura e a limpeza das cunetas, ademais de instalar unha barreira de protección nunha das marxes para aumentar a seguridade ante o desnivel existente entre a calzada e as parcelas lindeiras. Os traballos rematarán coa sinalización horizontal e vertical para unha mellor visualización por parte dos condutores. A actuación suporá un investimento de 58.000 euros.
Na Xunta de Goberno Local tamén se autorizou a solicitude de participación do Concello no programa de subvencións convocado pola Deputación da Coruña para o financiamento dos gastos derivados da contratación de persoal técnico para a atención de museos e de centros de interpretación durante o ano 2026. O Concello pretende incorporar durante nove meses un técnico especializado para a atención do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar.