Cabana de Bergantiños acolleu na tarde deste sábado 19 a undécima edición da Carreira Popular Dolmen de Dombate, unha das probas deportivas de referencia na Costa da Morte, que este ano contou con 644 persoas inscritas. A cita, gratuíta para todas as categorías, forma parte do XII Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña.
A carreira ofreceu distancias para todas as idades, dende a de 300 metros para a categoría pitufo/biberón ata a proba de maior distancia, de 10 quilómetros. Todo o percorrido se desenvolveu na contorna do Dolmen de Dombate, unha das mostras máis importantes do megalitismo galego.
Desde o Concello de Cabana poñen en valor “unha carreira xa consolidada no calendario deportivo galego, que edición tras edición segue reunindo a centos de persoas nun espazo único e inmellorable”. “A Dolmen de Dombate é deporte, pero tamén unha forma de dar a coñecer o noso patrimonio e de achegar o xacemento a todas as persoas que nos visitan”, salientan.
