Así o anunciou este sábado a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, nunha visita coa delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, ao centro Altamar, incluído nesta convocatoria. En total, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrecerá o vindeiro curso un total de 233 prazas.
Do total, 92 ofértanse na residencia visitada hoxe por Lara Meneses en Vigo, mentres que o restante divídese entre as 60 dispoñibles na residencia Florentino López Cuevillas de Ourense e as 81 do centro residencial xuvenil Lug da cidade de Lugo. Ademais, os centros contarán con prazas reservadas para persoas que sufran violencia de xénero, mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen, para persoas con expediente de protección aberto ou para persoas con discapacidade.
Tal e como explicou a directora xeral de Xuventude, a convocatoria publicarase o luns no Diario Oficial de Galicia e durante un mes poderán solicitar estes postos a mocidade de entre 16 e 30 anos de idade que, por razóns de estudo ou traballo, se vexa obrigados a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual. O período de estadía estará dentro do calendario académico, agás os períodos de vacacións, e inclúe aloxamento e manutención.
As prazas van dirixidas a rapaces e rapazas que estean a cursar estudos de Bacharelato, Formación Profesional, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, doutorados, estudos de mestrados universitarios oficiais ou persoas traballadoras. Na valoración das solicitudes teranse en conta aspectos como a renda da unidade familiar, a condición de familia numerosa ou monoparental, as condicións de orfandade e de discapacidade ou antigüidade na residencia xuvenil, entre outros.