O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou este luns de que o Goberno autonómico vai “adiantar 5 anos a idade para someterse ao cribado de cancro de mama, é dicir, poderán participar todas as mulleres de 45 a 74 anos”. Unha decisión que toma logo de constatar a eficacia de incluír na poboación diana as mulleres de entre 70 e 74 anos, unha medidas na que Galicia foi pioneira no 2023.
O Consello da Xunta tomou razón, na súa reunión semanal, do acordo de ampliación do cribado do cancro de mama, que prevé a súa ampliación graduada para incluír as mulleres de entre 45 e 49 anos. A dita inclusión levarase a cabo, como indicou Rueda, de maneira graduada, é dicir, serán invitadas por primeira vez todas as mulleres da poboación diana que cumpran 45 ou 50 anos de idade a partir do inicio da ampliación.
Concretamente, ao longo do ano 2027 serán invitadas por primeira vez a participar no cribado as persoas usuarias nadas nos anos 1982 e 1977; ao longo do ano 2028 as nadas en 1983 e 1978; no 2029 as nadas en 1984 e 1979; no ano 2030 as nadas en 1985 e 1980, e ao longo de 2031 as nadas nos anos 1986 e 1981. A partir dese momento só se incorporarán por primeira vez as persoas usuarias que cumpran 45 anos.
Deste xeito, tal e como explicou o presidente, “o 100% das galegas de entre 45 e 50 xa poderán ter participado no cribado no 2031” e, a partir de aí, serán chamadas por primeira vez ao cumprir os 45.
A medida foi aprobada na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial, pero aínda está en trámite a norma que modificará a carteira de servizos do Sistema nacional de saúde para incorporar, tanto a ampliación ata os 74 anos -que Galicia xa incorporou no ano 2023-, como a ampliación para da cohorte de 45-49 anos. A proposta aprobada establece un prazo de 3 anos desde a publicación da norma para acometer os cambios precisos e 6 anos para acadar a cobertura do 100 % deses grupos de idade.
A iniciativa da Consellería de Sanidade permitirá acadar xa en 2031 a cobertura do 100 % das mulleres deste rango de idade, polo menos dous anos antes do que será exixido para o conxunto do Sistema nacional de saúde.
A medida permitirá, ademais, consolidar a posición de vangarda de Galicia en materia de cribados poboacionais de cancro e reforza un programa de éxito xa ampliado nos últimos anos.
