Rehabilitada unha vivenda do concello en Coristanco para incorporala ao parque de vivendas municipales

3 minutes read

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Coristanco, Juan Carlos García e a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, supervisaron o final das obras de rehabilitación dunha vivenda de titularidade municipal situada na avenida da Coruña, número 45, en Agualada, unha actuación destinada a mellorar as condicións de habitabilidade do inmoble e poñelo a disposición da veciñanza. A intervención contou cun orzamento de preto de 156.000 euros e contou cunha subvención da Xunta de Galicia de 65.000 euros.

Os traballos permitiron acometer unha reforma integral do inmoble, de dúas habitación, que inclúe a instalación dunha nova cuberta a dúas augas mediante unha subestrutura metálica, con canlóns e baixantes, así como a limpeza e reparación de posibles fendas nas fachadas exteriores de pedra e o seu pintado con pintura ao silicato.

A actuación completouse coa instalación de carpintería exterior de PVC, a execución das divisións interiores de ladrillo e a colocación de trasdosados e falsos teitos de placa de xeso con illamento. Tamén se renovaron os pavimentos, mediante a incorporación dunha base con illamento e acabado cerámico porcelánico, e se executaron as instalacións de electricidade, saneamento, calefacción e ventilación.

Ademais, reformouse o baño, con novos revestimentos, e realizáronse os traballos de pintura das paredes e dos teitos. A intervención incluíu tamén a instalación de armarios con portas corredoiras nos dormitorios e o equipamento da vivenda con mobiliario.

O resultado é unha vivenda municipal rehabilitada integralmente, cunha única unidade residencial, que permitirá mellorar o aproveitamento do patrimonio público local e dispoñer dun inmoble en condicións adecuadas de uso.

Recuperación vivenda pública

Belén do Campo destacou o papel da cooperación institucional para avanzar na recuperación de inmobles municipais e ampliar a oferta de vivenda pública. Durante a visita, a delegada territorial da Xunta na Coruña puxo en valor o compromiso do Concello de Coristanco con estas actuacións, que permiten dar unha nova utilidade a edificios que estaban en desuso ou necesitaban ser rehabilitados e transformalos en alternativas para facilitar o acceso da cidadanía a unha vivenda digna.

Neste contexto, salientou que as axudas autonómicas destinadas á rehabilitación de inmobles de titularidade municipal permitirán sumar 36 novas vivendas ao parque público residencial en 16 municipios galegos. No caso concreto da provincia da Coruña en Coristanco, Arzúa e Touro. Trátase de vivendas que contarán con protección permanente e que estarán destinadas ao alugueiro, contribuíndo así a incrementar a oferta residencial a disposición da cidadanía.

A delegada lembrou que a convocatoria correspondente a 2026, publicada en xaneiro, tivo unha moi boa aceptación entre os concellos e contou cunha dotación superior aos 2,1 millóns de euros.

Esta liña de subvencións está dirixida aos municipios galegos con menos de 30.000 habitantes e ten como finalidade apoiar a rehabilitación de edificios e vivendas municipais para ampliar o parque público residencial e favorecer o acceso a un fogar, especialmente mediante o alugueiro.

Avances na política de vivenda da Xunta

Belén do Campo incidiu tamén nas actuacións que está a desenvolver o Goberno galego para incrementar a dispoñibilidade de vivenda pública. Neste sentido, lembrou o compromiso de duplicar o parque residencial público, pasando das 4.000 vivendas actuais ás 8.000 antes de que remate 2028, coa meta de alcanzar as 10.000 no ano 2030.

A esta medida súmase o desenvolvemento de solo residencial a través dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA). Os correspondentes ás grandes cidades galegas xa están aprobados inicialmente, co propósito de impulsar novos barrios e xerar solo para a construción de 25.000 vivendas, das cales 20.000 terán carácter protexido.

A delegada territorial concluíu reiterando a vontade da Xunta de manter a colaboración cos concellos para ampliar o parque público de vivenda e ofrecer respostas ás necesidades da cidadanía, mediante fogares dignos, accesibles e de calidade. Ao respecto, subliñou que a Xunta “ten a man tendida a todos os concellos” e lembrou que “todos temos competencia e a responsabilidade de facer todo o esforzo que estea nas nosas mans para atallar o problema do acceso á vivenda”.