A obra suporá un investimento de case 400.000€ (397.250€). A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou este xoves co alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, o convenio de colaboración para executar esta actuación, ao abeiro do Plan Hurbe.
A actuación prevista é a construción dunha senda peonil na estrada AC-419, no treito que vai desde o punto quilométrico 2+990 ata o 3+350.
Executaranse unha senda peonil pola marxe esquerda da travesía, unha zona de aparcamento, dous pasos de peóns e un reforzo da sinalización existente.
Estas intervencións pretenden mellorar a seguridade viaria na zona de circulación, dar continuidade ao itinerario peonil existente e executar pasos de peóns seguros.
O Goberno galego financiará estes traballos coa achega do 70% do orzamento, é dicir, 278.074€; e o Concello de Ponteceso aportará o investimento restante, 119.174€. A Xunta encargarase da licitación das obras, coa previsión de poder inicialas en setembro e que estean finalizadas a principios do 2026.