A Xunta dá luz verde ambiental á ampliación dunha explotación de gando vacún de leite en Ponteceso

3 minutes read

A explotación de vacún de leite obxecto deste informe de impacto ambiental atópase no lugar de Santa Cruz, na parroquia de Cores. Trátase dunha autorización supeditada, en todo caso, ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación.

Segundo se recolle no informe de impacto ambiental (IIA) da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos derivados da execución do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos e entidades interesados.

Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente establecendo unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, consideran viable a posta en marcha do proxecto de ampliación sempre que se cumpran as condicións específicas establecidas nos seus respectivos informes con relación á protección da atmosfera e a contaminación acústica; os olores; ás emisións contaminantes; o solo e as augas ou a xestión de residuos, entre outros.

A maiores, o documento inclúe tamén condicións para a protección ante accidentes graves ou catástrofes e a esixencia de que, antes da finalización da vida útil das instalacións, deberá remitirse un informe ao órgano substantivo —neste caso, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias— que conteña todas as actuacións previstas para, se é o caso, proceder ao desmantelamento e abandono das instalacións.

Unha vez emitido o presente IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver a ampliación, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e nos próximos días daráselle publicidade a través de anuncio no Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.

Descrición da actuación

A explotación de vacún de leite obxecto deste informe de impacto ambiental atópase no lugar de Santa Cruz, na parroquia de Cores, nunha contorna que destaca pola presenza de numerosas construcións de carácter agrario con explotacións similares á proxectada e núcleos de poboación de pequenas dimensións, asociados á actividade agrícola.

A ampliación proxectada, promovida por Ganadería Pose e García, SL, implicará novas construcións, a cubrición dunha fosa de xurro e a demolición ou a reconversión de parte das instalacións existentes co fin de acadar unha capacidade final para 572 prazas. En concreto, prevese a construción dunha nova nave completa con corredores de alimentación, zona de limpeza e zona de camas, que contará ademais cunha área destinada a oficina, leitería, zona de muxido e partos, ocupando toda a construción unha superficie de 5.281,15 m².

Agora, será a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia, a que pase a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental. Tamén se encargará de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas no propio IIA e no plan de vixilancia e seguimento ambiental de aplicación.