A Xunta de Galicia porá en marcha unha campaña subacuática para investigar os restos dunha embarcación localizada en Corme, no municipio de Ponteceso. Trátase dunha actuación arqueolóxica que se levará a cabo ao longo da xornada de mañá.
Así, está previsto que a intervención, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración co Grupo operativo de actividades subacuáticas da Unidade da Policía Nacional Adscrita á Galicia, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, comece ás 8,00 horas na Praia da Arnela, onde se levará a cabo o levantamento mediante fotogrametría 3D da área de actuación. Deste xeito, os técnicos tratarán de realizar o debuxo arqueolóxico das estruturas, ao tempo que se toman mostras da madeira do pecio e se fan videos e fotografías aéreas do sitio.
O Goberno galego aproveita a situación idónea destes días nos que as mareas retiraron a area que cubría este elemento, para actuar sobre el coa intención de fixar a que época pertence, coa colaboración da Asociación Cultural Ínsua da Viastela. Neste senso, cómpre destacar que se trata dunha área na que tamén hai constancia da existencias de varios canóns de ferro.
Por outro lado, o proxecto contempla tamén unha intervención similar nun pecio localizado no porto de Corcubión, que se desenvolverá cando a zona o permita, xa que, neste caso, debido ao sedimento de area acumulado non é posible a documentación do mesmo.
O operativo responde ao Plan de actuacións arqueolóxicas que desenvolve a Xunta de Galicia para pór en valor a riqueza patrimonial do territorio, e que inclúe o estudo e documentación dos pecios que se atopan na costa galega.