A Xunta inicia os trámites para comezar coa construción da primeira fase do polígono de Coristanco

1 minutes read

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou este mércores que a Xunta xa iniciou toda a tramitación necesaria para poder comezar canto antes coa construción da primeira fase do polígono de Coristanco, que abranguerá unha superficie de 60.983 m².

Acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e da directora xeral de Estratexia industrial e Solo empresarial, Margarita Ardao, Lorenzana mantivo un encontro con empresarios do municipio, unha vez que o Consello da Xunta do pasado 23 de febreiro aprobou o Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (Peose) do futuro polígono de Coristanco, que permite agora comezar co procedemento para a expropiación dos terreos.

“Estamos saldando unha débeda histórica con este municipio que levaba anos agardando poder dispoñer dun polígono industrial propio” dixo a conselleira, quen indicou que a previsión coa que traballa a Xunta é coa de poder licitar as obras no ano 2027 para comezar coa súa execución canto antes, posto que xa se licitou, tamén, o contrato de redacción do proxecto de urbanización.