O Concello de Ponteceso vén de rematar as obras de acondicionamento e reforzo do firme de varios camiños rurais na parroquia de Tella, unha actuación financiada en parte con cargo ao POS+ Adicional 2b/2024 e cun investimento próximo aos 115.000 euros.
A intervención ten unha especial importancia para o parque empresarial de Tella, xa que a pista acondicionada rodea a zona industrial pola súa parte posterior e contribúe a illala do monte que a rodea. Esta vía perimetral convértese así nun elemento clave desde o punto de vista preventivo fronte a posibles incendios forestais, ao tempo que facilita o acceso dos medios de emerxencia e extinción á contorna do polígono en caso de necesidade.
Ademais da mellora da seguridade, a obra permite ordenar a mobilidade nun punto que viña xerando problemas recorrentes para a veciñanza. Ata o de agora, o paso de vehículos pesados polo núcleo de vivendas provocaba situacións de risco, especialmente pola estreiteza dos camiños e polas dificultades de manobra. Coa nova configuración, o tráfico pesado poderá canalizarse pola nova vía, evitando o tránsito pola zona residencial.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou que esta actuación “vai máis alá dunha simple actuación sobre o firme”, xa que “facilita os accesos ao parque empresarial, reforza a súa seguridade fronte aos incendios e elimina un problema histórico para a veciñanza de Tella”.
O rexedor subliñou tamén que a nova pista perimetral “é fundamental para separar o polígono da masa forestal próxima e permitir unha resposta máis rápida dos servizos de extinción ante calquera emerxencia”.
Con esta obra, o Concello de Ponteceso favorece unha convivencia máis segura entre a actividade industrial e o núcleo residencial, reforza a protección do parque empresarial de Tella e dá resposta a unha demanda veciñal mantida no tempo.