O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo organizará os días 9 e 10 de maio a segunda edición de BioSaúde, un espazo de encontro arredor da saúde, o benestar e o respecto pola natureza que busca promover un consumo responsable, hábitos de vida saudables e unha maior conciencia ambiental.
O evento foi presentado esta mañá na Casa do Concello nun acto no que participaron a presidenta do CCA Carballo, Silvana Rama Corral xunto a outros integrantes da directiva e varios expositores, acompañados polo concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez.
A feira celebrarase ao aire libre na Praza do Concello e contará coa participación de quince expositores, na súa maioría locais, pertencentes a sectores como a alimentación, a cosmética natural, a moda sostible, as terapias alternativas, a nutrición ou os produtos de hixiene e limpeza ecolóxica.
Ademais da zona de exposición, situada no corredor da praza, durante toda a fin de semana desenvolverase unha ampla programación de actividades paralelas orientadas á sensibilización da cidadanía en cuestións relacionadas coa saúde e o medio ambiente. Así, desde a mañá do sábado, o público poderá asistir a distintas charlas e faladoiros sobre saúde, nutrición, cosmética natural e estilos de vida sostibles, impartidos por profesionais especializados.
A programación completarase con actividades interactivas e propostas lúdicas tanto para público infantil (taller surf e obradoiro de papel maché) como adulto, deseñadas para fomentar a educación ambiental dun xeito participativo. Como peche, e aproveitando que é día de feira, o domingo pola mañá terá lugar unha cata de vermú ecolóxico acompañada dunha degustación de callos elaborados polo Restaurante Albaroque.
Así mesmo, todas as persoas que se acheguen ata a feira a realizar as súas compras, terán a oportunidade de participar no sorteo dunha cesta con produtos de BioSaúde, doados polos expositores, e 5 cheques de 20€ cada un para gastar nos comercios do CCA. Para elo, deberán depositar as papeletas debidamente cubertas
nunha urna depositada no stand informativo do CCA. O sorteo realizarase o domingo 10, ao remate da feira e será retransmitido en directo polo Instagram da asociación.
Co obxectivo de garantir unha correcta organización e control de aforo, recoméndase realizar inscrición previa a través do correo electrónico info@ccacarballo.com , aínda que tamén se permitirá o acceso libre en caso de dispoñibilidade.
V Pequefeira: emprendemento en clave infantil
Como parte da programación do domingo 10, regresa a V Pequefeira, unha iniciativa xa consolidada que permite aos máis pequenos e pequenas experimentar o papel de comerciantes por unhas horas. A actividade desenvolverase de 12:30 a 13:30 horas na propia Praza do Concello e require inscrición previa.
Os participantes deberán achegar produtos artesanais e/ou reciclados, respectuosos co medio ambiente, fomentando así valores como a creatividade, a autonomía e o espírito emprendedor nun contexto educativo e lúdico.
Durante a presentación, a presidenta do CCA destacou o valor de BioSaúde como “un espazo de encontro onde compartir, aprender e conectar, no que tamén poñemos o foco no coidado e no respecto pola nosa contorna”. Ademais, quixo agradecer a implicación de todas as persoas e entidades colaboradoras e convidou á cidadanía a participar “nunha proposta que nace coa vontade de crear comunidade arredor do que nos fai ben: a saúde, o benestar, o consumo responsable e o respecto pola natureza”.
Pola súa banda, o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, manifestou que a feira “é un exemplo do potencial que teñen as feiras temáticas para dinamizar a vida económica e social de Carballo. Nesta segunda edición, o CCA dá un paso máis, reforzando a programación e a participación de expositores e actividades para todos os públicos. Apostamos por eventos que non só atraian xente, senón que tamén transmitan valores como o consumo responsable e o coidado do entorno, facendo do noso mercado e da praza un punto de referencia vivo e activo.”
Finalmente, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, subliñou que “a segunda edición de BioSaúde consolida unha iniciativa que conecta plenamente cos valores que queremos promover en Carballo: a saúde, o benestar e o respecto polo medio ambiente. Esta feira non só dinamiza o noso comercio local, senón que tamén crea
un espazo de encontro para aprender, compartir e avanzar cara a un modelo de vida máis sostible. Dende o Concello seguiremos apoiando propostas que xeren comunidade e que poñan no centro ás persoas e ao territorio.”
Esta segunda edición de BioSaúde conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e, de maneira destacada, do Concello de Carballo que, como de costume, achega recursos materiais e humanos para a súa celebración.
Desde o CCA tamén se quere agradecer expresamente a colaboración da Brigada Municipal de Obras, da Policía Local e do persoal do Mercado Municipal, cuxo apoio resulta fundamental para o correcto desenvolvemento da feira.
Datos de interese
- Datas: 9 e 10 de maio
- Horario: Sábado de 10:30 a 14:00 h e de 16:30 a 20:00 h | Domingo só en horario de mañá
- Lugar: Praza do Concello de Carballo
- Inscricións actividades: info@ccacarballo.com
Expositores participantes
Adega O‘Lagar (alimentación), Aloe herboristería, Aloe estética (estética), Anxaima Tiempo para quererte (moda orgánica), Asociación Íntegro (artesanía e reciclaxe), AZUE Vida Natural (cosmética natural e artesanal), A Despensa que pensa (alimentación natural), MadeixaLazos (artesanía sostible), Mary Kay (cosmética), Mel e licores Codesal (produtor local), Refugallo Zero (cosmética e hixiene natural), Sentires (espazo holístico e mindfulness), Studio ZCV (estética avanzada), Zuccaro (alimentación) e a coffee truck de Cafés Lúa.