A Xunta somete a información pública o Plan que permitirá a ampliación do parque empresarial da Laracha

2 minutes read

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba este martes o anuncio da Consellería de Economía e Industria polo que se acorda a aprobación inicial e a apertura do trámite de información pública do Plan estruturante de ordenación para a ampliación do parque empresarial da Laracha, un paso clave para facer realidade o crecemento industrial do municipio.

Este novo avance administrativo dá continuidade ao proceso iniciado coa modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, aprobada definitivamente en xaneiro de 2024, que incorporou expresamente a ampliación do polígono industrial da Laracha como actuación estratéxica. A nova fase publicada hoxe no DOG supón entrar xa na ordenación concreta dos terreos nos que se desenvolverá a ampliación.

O incremento proxectado permitirá ampliar o parque empresarial nunha superficie de 338.629 metros cadrados -dos cales máis de 200.000 metros cadrados son para parcelas de uso lucrativo- nunha área contigua á actual zona industrial polo seu linde norte. Trátase de terreos de topografía chan e uso rústico, unha circunstancia que facilitará a execución da urbanización e o aproveitamento das infraestruturas existentes, en particular da estrada norte do propio polígono que actuará como vía de acceso e soporte dos servizos da futura ampliación. Así, a superficie total da área industrial superará o millón de metros cadrados.

Desde o Concello da Laracha valórase este avance como un trámite de gran importancia estratéxica para o futuro económico e social do municipio. A alta ocupación actual do parque empresarial, que supera o 80 %, evidencia a necesidade de dispoñer de máis solo industrial para dar resposta á demanda existente, favorecer a implantación de novas empresas e permitir o crecemento das xa asentadas.

A ampliación do parque empresarial será fundamental para reforzar a competitividade da Laracha como enclave industrial, mellorar a súa capacidade de atracción de investimento produtivo e consolidar a creación de emprego estable e de calidade no termo municipal. Ao mesmo tempo, contribuirá a unha planificación ordenada do solo industrial a medio e longo prazo aliñada co desenvolvemento sostible do territorio.

A promotora da actuación é Suelo Empresarial del Atlántico S.L., sociedade que asumirá o desenvolvemento da urbanización do novo sector, para o que se require previamente a aprobación dos correspondentes proxectos de expropiación, urbanización e parcelación. O investimento situarase en torno aos 16 millóns de euros

Co anuncio publicado este martes ábrese ata o 11 de marzo o prazo de información pública, durante o que a documentación do plan poderá ser consultada na páxina web da Consellería de Economía e Industria conforme ao procedemento establecido na lexislación vixente.

Este novo paso confirma a evolución dun proxecto largamente demandado e sitúa á Laracha nunha posición favorable para afrontar os retos de crecemento económico e xeración de actividade empresarial nos vindeiros anos.