Aberta a inscrición do proxecto europeo Cansat para escolares galegos


A nova edición do certame de proxectos espaciais Cansat, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea e organizada en Galicia pola Xunta, ten aberto o seu prazo de inscrición ata o 3 de decembro para que os alumnos galegos podan participar nesta iniciativa coa que realizarán todas as fases dun proxecto espacial.

Cada equipo de estudantes deberá estar formado por un mínimo de catro e un máximo de seis estudantes entre 14 e 19 anos (excluídos os estudantes de educación superior), que deberán estar supervisados por unha persoa docente ou mentora. Se o centro de ensinanza precisa que o alumnado vaia acompañado por máis dun docente ou mentor, deberase xustificar esta necesidade, sempre que o número total de participantes entre alumnos e profesores non exceda de sete persoas.

Neste proceso, desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade realizaranse actividades de formación e acompañamento aos docentes e mentores por parte da Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). Os interesados teñen toda a información da competición e inscricións na páxina web do CAFI.

Deseño e lanzamento

Os alumnos participantes realizarán todas as fases dun proxecto espacial real, desde a elección dos obxectivos da misión ata o deseño e lanzamento do Cansat, un mini satélite dunha lata de refresco. O desafío para os estudantes será o de adaptar todos os subsistemas que se atopan nun satélite, como a enerxía, os sensores e un sistema de comunicación no volume e forma dunha pequena lata de refrescos

Tras o deseño, o Cansat será lanzado por un foguete ou desde unha plataforma, un dron ou un globo cautivo desde unha altitude de ata un quilómetro. Durante a caída realízase un experimento científico predefinido e unha demostración tecnolóxica ata lograr unha aterraxe segura e analizar os datos recompilados.

Vindeira edición en abril

Esta competición realízase en varias fases: rexional, nacional e europea, onde participan equipos de todos os estados membros da Axencia Estatal Europea. A fase rexional está organizada por terceiro ano baixo o impulso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade -coa colaboración específica do departamento Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) de Santiago- e a Vicepresidencia 2ª e Consellería de Economía, Empresa e Innovación no marco do programa de fomento das vocacións científicas da Civil UAVs Initiative. A celebración da nova edición está prevista para abril de 2022.

Na última edición o equipo galego BujanSAT, do IES David Buján en Cambre, alzouse como campión nacional e vén de representar a España na competición europea, na que obtivo un premio especial do xurado recoñecendo especialmente o seu labor de difusión científica.

Con esta iniciativa, o alumnado galego aprenderá de maneira práctica a familiarizarse coa metodoloxía de investigación, que adoita aplicarse nas profesións científicas e técnicas da vida real, así como adquirir coñecementos elementais de tecnoloxía, física e programación, entre outras.