Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o obxectivo dos premios é «recoñecer o talento, esforzo e implicación das empresas, emprendedores e autónomos na creación de emprego e no desenvolvemento económico da provincia da Coruña».
«Cos Premios PEL queremos recoñecer proxectos que non só destaquen polo seu éxito empresarial, senón tamén pola súa capacidade para xerar valor engadido, mellorar a calidade de vida da cidadanía e impulsar o desenvolvemento do territorio», apuntou o presidente provincial.
Con este espírito, a Deputación destina esta ano un total de 75.000 euros en premios que se repartirán entre tres grandes categorías, convertendo esta convocatoria nunha das máis relevantes a nivel galego e estatal no ámbito do emprendemento e a innovación.
Cada unha das tres categorías desta edición está dotada cun premio de 20.000 euros. Ademais, o xurado poderá conceder ata tres accésits de 5.000 euros cada un a proxectos que, sen acadar o galardón principal, amosen méritos destacados e impacto transformador.
A primeira categoría, Premio á Iniciativa Emprendedora, está pensada para dar visibilidade a iniciativas emprendedoras que botaran a andar nos últimos tres anos: 2023, 2024 e 2025. Valorarase especialmente o carácter innovador, a creatividade e a capacidade para detectar necesidades e darlles resposta de maneira eficaz. Trátase de poñer en valor esas novas empresas ou proxectos autónomos que, malia seren recentes, xa deixan pegada no seu sector e contribúen a dinamizar a economía local.
A segunda categoría, Premio á Traxectoria Empresarial está destinada a empresas consolidadas, con especial atención a aquelas que conseguiron combinar rendibilidade económica e creación de emprego con compromiso social e ambiental. Non se busca só premiar o éxito financeiro, senón tamén o liderado responsable, a aposta pola calidade no emprego, a innovación sostida no tempo e a capacidade de adaptación aos retos do presente. Son empresas que serven de referente, que amosan que é posible medrar sen perder de vista a comunidade.
A terceira categoría é o Premio á Proxección e Innovación Sostible. Este premio será outorgado directamente polo xurado e está reservado a aquelas iniciativas que, pola súa proxección, impacto ou aposta pola innovación merecen un recoñecemento especial. Este premio pretende subliñar o papel transformador de determinados proxectos que, desde a súa actividade empresarial, están contribuíndo a facer da provincia da Coruña un lugar máis equilibrado, inclusivo e moderno.
Como novidades nesta edición, a Deputación incorpora un xurado máis plural e paritario, no que se inclúen representantes de empresas da economía social e no que se garante a igualdade de xénero. Tamén se amplían os criterios de antigüidade das empresas participantes, eliminando as restricións das convocatorias anteriores para permitir que calquera proxecto empresarial da provincia poida optar ao recoñecemento, con independencia do ano no que se puxo en marcha. A isto súmase unha importante simplificación do proceso de presentación das candidaturas, que se poderá realizar integramente de forma telemática e cunha redución significativa da documentación requirida.