O Centro Sociocultural de Baio inaugurou este xoves a exposición ‘Castelao Grafista (facsímile)’, unha importante mostra que afonda na dimensión artística de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e que poderá visitarse ata o vindeiro 26 de decembro.
O acto inaugural contou coa presenza do alcalde de Zas, Manuel Muíño; da coordinadora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores; do coordinador institucional de ABANCA, José Manuel Vilariño; do director de Zona de ABANCA, Luis Braulio Álvarez; da directora de Oficina, Inés Casariego; e de Tania Carreira.
A exposición, da man de Afundación Obra Social ABANCA, reúne unha ampla selección de facsímiles, debuxos, caricaturas, retratos, manuscritos e publicacións que permiten coñecer máis polo miúdo a produción gráfica de Castelao.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia de achegar ao municipio exposicións destas características e agradeceu a colaboración de todas as persoas e entidades que fixeron posible a súa chegada: “É unha satisfacción poder contar en Baio cunha mostra dedicada a unha figura fundamental da nosa cultura como Castelao. Queremos que o Centro Sociocultural siga sendo un espazo de referencia para a actividade cultural da comarca e un lugar onde a veciñanza poida achegarse a propostas de calidade. Agradecemos a Afundación e a ABANCA que fixeran posible que esta exposición chegue a Zas, así como a Tania Carreira, que foi quen realizou as xestións para que puidésemos contar con esta magnífica mostra no noso municipio”.
Pola súa banda, o coordinador institucional de ABANCA, José Manuel Vilariño, sinalou que “para ABANCA é un pracer traer ao rural exposicións coma esta. Para nós é moi importante estar preto do rural desde a parte financeira, pero tamén queremos contribuír desde o ámbito cultural. Para iso apoiámonos en Afundación e por iso podemos contar aquí con esta fantástica exposición de Castelao”.
Para rematar, María Teresa Cores agradeceu “ao alcalde e ao Concello de Zas que nos permitan traer esta exposición ao Centro Sociocultural de Baio”. Ademais, explicou que a mostra forma parte dun proxecto itinerante que busca achegar aos concellos máis pequenos propostas expositivas que habitualmente se estrean nas salas de exposicións das cidades galegas, facendo así máis accesible a oferta cultural a toda a cidadanía.
A mostra pode visitarse de balde no Centro Sociocultural de Baio, de martes a venres, de 15:30 a 20:30 horas, e os sábados, de 10:00 a 14:00 horas.
