Adxudicados os traballos de ampliación das instalacións da Escola Infantil “Os Pillabáns” de Cerceda

2 minutes read

O Concello de Cerceda vén de adxudicar os traballos de ampliación das instalacións da Escola Infantil “Os Pillabáns” ante o incremento constante de matriculacións e as previsións á alza de crecemento de poboación.

Cabe destacar que Cerceda é un dos municipios que máis medrou o último ano segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, sendo esta unha actuación prevista polo goberno local para o período 2023-2027.

Para a culminación deste proxecto, que contará cun orzamento de 151.536,26 euros, empregarase un espazo vacante na marxe sureste do terreo no que se empraza o actual edificio, o cal permitirá executar unha nova aula que se conectará ao edificio existente a través do comedor.

En total, serán 70 metros cadrados aproximadamente os que se engadan á construción e os espazos quedarán totalmente reorganizados, para favorecer un óptimo desenvolvemento de actividades toda vez que se salvagarda a posibilidade de, no caso de aumentar o número de alumnas e alumnos, este espazo estea dotado de servizos para elo.

Melloraranse as condicións de aillamento térmico do edificio, así como da humidade. Tamén se instalará unha nova rede de pluviais, que servirá para dotar dunha maior presión ao servizo, así como se contempla tamén a mellora da iluminación tanto interior como exterior.

A concelleira de Benestar Social, Catrina Queijo, asegura que “a nosa idea é axilizar a realización destes traballos, así como minimizar o impacto dos mesmos no desenvolvemento do curso escolar. Traballamos, e así o vimos facendo, para dotar ao noso municipio dos mellores servizos, contexto que se demostra ante a continua demanda de licenzas de vivendas unifamiliares e novos empadroamentos”, finalizando a edila subraiando que “Cerceda está a medrar, de xeito sostible, e continuaremos nesta liña para seguir sendo unha das alternativas con garantías para vivir nos arredores da Coruña e Carballo”.