O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo este xoves un encontro co presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, e o seleccionador Luis de la Fuente, con motivo da chegada a Compostela da exposición Reyes del mundo, onde poderá verse a Copa do Mundial 2026 e outros obxectos vencellados a esta competición.
Posteriormente, participaron na ofrenda do trofeo ao Apóstolo Santiago, na Catedral, e desexou que esta tradición -tamén houbo ofrenda cando España gañou o seu primeiro Mundial en Sudáfrica- sexa a antesala dun novo éxito para a selección absoluta de fútbol masculino, agardando repetir a cerimonia “con tres estrelas” antes do Xacobeo 32.
Cómpre salientar a presenza galega no Mundial de Estados Unidos co futbolista Borja Iglesias como membro do equipo nacional e Diego Sánchez como parte do equipo arbitral da competición. Dous galegos que se suman a Teresa Abelleira, campioa do mundo no 2023 e a árbitro Yolanda Parga que partipou en China 2007 e Canadá 2015.
Exposición
O presidente agradeceu a presenza na Cidade da Cultura durante tres días da exposición Reyes del Mundo para amosar a Copa do Mundo a todos os galegos, así como outros obxectos do torneo como botas de xogadores, balóns oficiais ou camisetas do equipo.
A apertura ao público tivo lugar tras un acto de recoñecemento aos galegos que participaron neste Mundial, ao presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, e ao seleccionador Luis de la Fuente, do que o titular do Executivo galego salientou “a súa forma de ser, a súa proximidade e os valores que representa”.
