O Concello de Ponteceso continúa co seu plan de renovación de marquesiñas cunha nova actuación na parada de Pazos, un punto, na estrada autonómica AC-419, que utiliza a diario a veciñanza para desprazarse ata o centro do municipio e súa contorna.
O alcalde, José Manuel Mato, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia e a implicación da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, que continúa mantendo un destacado compromiso coas demandas municipais que se lle trasladan.
O rexedor avanzou que a intención do goberno local é que a esta actuación lle sigan outras marquesiñas no municipio, co obxectivo de seguir mellorando as condicións de espera dos usuarios nas distintas parroquias.
Mato lembrou que, dentro deste mesmo plan, hai un ano renováronse un total de cinco marquesiñas en Langueirón, Limiñoa, Tallo, Corme-Aldea e Cores.
Con esta nova intervención, o goberno local mantén o seu compromiso coa mellora das infraestruturas de transporte público no concello.
