Adxudicados tres proxectos de mellora da rede viaria da Laracha por un importe conxunto de 319.000 euros

1 minutes read
Obras en estradas de Soandres_Arquivo.

O Concello completou o procedemento de contratación de tres proxectos que teñen por finalidade a mellora da rede viaria municipal e que suman un importe conxunto de 319.000 euros. Todas as obras serán financiadas integramente con fondos propios municipais.

Os traballos afectarán aos núcleos de Vilanova, Fornelos e Fragunde, así como á estrada que comunica Marfulo con A Piña, todos eles na parroquia de Vilaño, e a vías que discorren por Vista Alegre e A Millarada, na parroquia de Soandres.

En todas esas vías será mellorada a superficie de rodadura co propósito de facilitar a circulación e contribuír a incrementar a seguridade viaria.

Unha vez adxudicados os traballos, nos próximos días está previsto que comecen a executarse as obras.

Con estas actuacións o Concello continúa avanzando na mellora e conservación da rede viaria municipal, destinando recursos propios a actuacións que contribúen a facilitar as comunicacións entre todos os núcleos de poboación do termo municipal.