A violencia vicaria será o eixe central da programación do Concello de Carballo arredor do 25N

5 minutes read

Utilizar as fillas e os fillos para facer dano ás súas nais, ameazar con afastalos delas, instrumentalizar os vínculos afectivos ou exercer violencia sobre os animais de compañía para provocar sufrimento, intimidar ou controlar unha muller son distintas manifestacións dunha mesma realidade: a violencia vicaria. Esta forma de violencia machista será o eixe central da programación organizada polo Concello de Carballo arredor do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Baixo o lema Non son armas, o Concello quere chamar a atención sobre unha violencia que utiliza as persoas e os seres cos que as mulleres manteñen vínculos afectivos para exercer sobre elas un dano que pode chegar a ser devastador. A campaña pretende contribuír a identificar estas condutas, visibilizar as súas consecuencias e sensibilizar a sociedade sobre a necesidade de protexer as vítimas e actuar ante calquera manifestación da violencia machista.

A programación deste ano combina sensibilización, educación en igualdade, prevención, formación especializada e reflexión colectiva, con propostas dirixidas á infancia, á adolescencia, ás persoas profesionais que traballan no ámbito da atención ás vítimas e á cidadanía en xeral.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, destaca a importancia de ampliar a mirada sobre as violencias machistas e de identificar condutas que en ocasións permanecen invisibilizadas. A instrumentalización das fillas e fillos, pero tamén a utilización dos animais de compañía como medio de ameaza, coacción ou maltrato, forman parte dunha realidade que require unha resposta coordinada desde os ámbitos educativo, social e xurídico.

Colaboración coa Universidade da Coruña

Un dos actos centrais da programación será a xornada A violencia vicaria como forma de violencia de xénero: unha ollada á súa regulación legal, que se celebrará o xoves 26 de novembro, ás 18.00 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. Por segundo ano, o Concello de Carballo conta coa colaboración coa Universidade da Coruña para achegar o coñecemento académico á cidadanía e por ofrecer ferramentas que contribúan a comprender mellor as distintas formas de violencia machista e os mecanismos existentes para combatelas.

A actividade contará coa participación de tres especialistas en Dereito Penal que abordarán esta problemática desde diferentes perspectivas, combinando a análise conceptual, a lexislación, a xurisprudencia e a práctica xudicial.

A profesora titular de Dereito Penal da Universidade da Coruña Eva María Souto García, coordinadora da xornada tamén nesta segunda edición, será a encargada de abrila cunha intervención sobre A violencia vicaria en contextos de violencia de xénero: marco conceptual e regulación legal en España.

A continuación, Carlos Suárez-Mira Rodríguez, maxistrado da Sección do Penal do Tribunal de Instancia da Coruña, Praza número 3, ofrecerá unha aproximación xurídico-penal á violencia vicaria desde a lexislación, a xurisprudencia e a práctica.

A terceira intervención correrá a cargo de María Ángeles Fuentes Loureiro, profesora permanente laboral de Dereito Penal da Universidade da Coruña, que abordará unha das cuestións sobre as que tamén quere poñer o foco a campaña municipal deste ano: O maltrato animal vicario en contextos de violencia de xénero.

A xornada rematará cunha quenda de preguntas que permitirá afondar nas cuestións formuladas e favorecer o intercambio de reflexións entre as persoas participantes.

Educación e formación

A prevención ocupa un lugar destacado na programación municipal, que inclúe distintas actuacións dirixidas aos centros educativos.

O martes 17 de novembro, ás 10.30 horas, o Auditorio do Pazo da Cultura acollerá unha representación do espectáculo teatral Sophie non é o meu nome de guerra, dirixida ao alumnado dos institutos. A actividade forma parte da campaña DE FRONTE, promovida pola Deputación da Coruña, e pretende favorecer a reflexión sobre as violencias machistas entre a poboación adolescente a través das artes escénicas.

A intervención educativa chegará tamén ao alumnado de primaria mediante o obradoiro Desmontar o amor romántico, unha proposta para cuestionar os estereotipos e os modelos de relación baseados na dependencia, no control ou na desigualdade, e promover desde as primeiras idades relacións fundamentadas no respecto, na liberdade e no bo trato.

Ademais, o Concello realizará un reparto de fondos bibliográficos entre as bibliotecas dos centros educativos, co obxectivo de facilitar recursos que permitan seguir traballando a igualdade, a prevención da violencia machista e a educación afectiva desde as aulas.

Outro dos piares da programación será a xornada profesional En rede contra a violencia de xénero, prevista para o venres 20 de novembro, de 9.00 a 14.00 horas, no Fórum Carballo. A actividade pretende reforzar a importancia da coordinación e do traballo conxunto entre os distintos ámbitos profesionais implicados na prevención, detección e atención ás situacións de violencia machista.

A programación arredor do 25N tamén incorpora propostas culturais, entre elas o concerto de Soledad Vidal celebrado onte.

Outra das novidades deste ano é a renovación da identidade visual do Centro de Información á Muller (CIM), un servizo municipal de referencia na atención, información e asesoramento ás mulleres. A nova imaxe contribuirá a reforzar a identificación e visibilidade deste recurso, que desenvolve un labor fundamental de acompañamento, orientación e apoio ás mulleres, así como de promoción da igualdade e prevención das violencias machistas.

Concentración cidadá

Como cada ano, o Concello de Carballo convocará unha concentración cidadá o mércores 25 de novembro, ás 20.00 horas, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A concentración deste ano porá especial atención na violencia vicaria, sen perder de vista as demais manifestacións da violencia machista. O Concello anima a toda a cidadanía a sumarse a esta convocatoria e facer visible, un ano máis, o compromiso colectivo de Carballo coa igualdade e contra a violencia de xénero.

Con esta programación, o Concello de Carballo reafirma o seu compromiso coa loita contra todas as formas de violencia exercidas sobre as mulleres, desde o convencemento de que identificalas, nomealas e comprendelas é imprescindible para poder combatelas.