A Plataforma Stop Biogás A Laracha, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o PSdeG-PSOE veñen de dar un novo paso conxunto para reclamar transparencia, rigor e control institucional en todo o proceso relacionado coa posible implantación dunha planta de biogás no municipio.
Os grupos municipais do BNG e do PSOE presentaron este venres 13 de novembro unha solicitude formal para a convocatoria dun pleno extraordinario no Concello da Laracha, co obxectivo de impulsar a creación e constitución, antes de que finalice o presente ano, dunha Comisión Especial de Seguimento sobre a modificación do PXOM e a aplicación da suspensión cautelar de licenzas vinculada aos proxectos de biogás.
Ambas forzas políticas propoñen que a Comisión Especial de Seguimento estea integrada por representantes de todos os grupos municipais da Corporación, membros da Plataforma Stop Biogás, persoal técnico municipal e persoas expertas na materia.
A proposta establece que a comisión se reúna cunha periodicidade trimestral e que dispoña de funcións específicas de fiscalización, acceso continuado á documentación técnica e ambiental e establecemento de canles de información periódica á veciñanza.
Ademais, na súa primeira reunión constitutiva deberá ofrecerse información detallada sobre o estado actual de todos os trámites que serán obxecto de seguimento. Así mesmo, determinaranse as súas funcións específicas de fiscalización, acceso continuo á documentación técnica e ambiental, e canles de información periódica á veciñanza.
Esta iniciativa dá continuidade ao traballo desenvolvido arredor da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Plataforma Stop Biogás A Laracha, que xa motivou o inicio dos trámites para modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no pleno de setembro. Posteriormente, na sesión plenaria extraordinaria do pasado 6 de novembro, aprobouse a suspensión cautelar de licenzas relacionada coa regulación e localización das instalacións de biogás no termo municipal.
Transparencia e control institucional
A Plataforma, o BNG e o PSOE consideran que o debate e o proceso arredor da implantación da planta de biogás requiren por parte da Corporación Municipal a máxima claridade, rigor, transparencia e control institucional en cada un dos pasos administrativos, técnicos e ambientais que se desenvolvan a partir deste momento.
Así mesmo, cren necesario que para asegurar o cumprimento estrito da suspensión cautelar aprobada e das futuras fases da modificación do PXOM, así como para evitar calquera indefensión veciñal e garantir a protección do territorio e da calidade de vida no concello, faise imprescindible a articulación duns mecanismos permanentes de fiscalización e control por parte de todos os grupos políticos.
