O estudo incluirá un proceso de recollida de información entre a poboación poboación, polo que o Concello informa da posta en marcha da iniciativa para que a veciñanza coñeza o seu propósito e teña presente que, no marco deste traballo, poderá recibir o contacto dun entrevistador.
‘Enrede’ está dirixido a persoas de calquera idade residentes no termo municipal que se atopen en situación ou risco de soidade non desexada. O acceso ao estudo non está condicionado pola idade, senón pola posible existencia de circunstancias de vulnerabilidade social, relacional ou ocupacional que poidan repercutir no benestar, na autonomía persoal e na participación na vida comunitaria.
Entre os principais obxectivos figuran coñecer a incidencia e as características da soidade non desexada na Laracha, identificar posibles situacións de risco e necesidades da poboación e dispoñer de información que permita orientar futuras medidas municipais de prevención e abordaxe.
Con esta iniciativa, o Concello dá un paso máis no coñecemento dunha realidade social complexa que pode afectar a persoas en diferentes etapas da vida e que ten consecuencias no benestar emocional, na saúde e nas relacións sociais. A prevención require coñecer de preto as necesidades da cidadanía para poder planificar respostas adaptadas e favorecer a participación comunitaria e a creación de vínculos sociais.
As persoas interesadas en ampliar información ou participar no estudo poden poñerse en contacto cos Servizos Sociais municipais no Edificio Administrativo da Laracha ou a través do teléfono 981612811.
