O campamento de Nadal de Carballo ofrecerá 100 prazas para facilitar a conciliación familiar durante as vacacións

2 minutes read

O Concello de Carballo prepara unha nova edición do seu campamento infantil de Nadal cunha proposta que sitúa a conciliación familiar no centro e incorpora o deporte e o coidado da auga como fíos condutores das actividades. O AugaCamp de Nadal estará dirixido a nenos e nenas escolarizados en Infantil e Primaria e contará con 100 prazas.

A iniciativa está organizada polo Concello de Carballo, coordinada polas Escolas Balonmán Xiria e a Escola Lubiáns e patrocinada por Gestagua. Esta colaboración permitirá ofrecer unha programación que combina actividade física, creatividade e educación ambiental nun ambiente lúdico e participativo.

O campamento desenvolverase no CEIP Fogar do 22 de decembro de 2026 ao 7 de xaneiro de 2027, de luns a venres agás festivos, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Deste xeito, as familias disporán dun recurso de conciliación durante as mañás das vacacións escolares, mentres os nenos e nenas gozan dun tempo de lecer compartido. A cota de participación é de 30 euros por todo o campamento (máis gastos de xestión), e as inscricións poden realizarse desde hoxe ata o 13 de decembro, ou ata esgotar prazas, aquí: https://app.cluber.es/legacy/clubes/98f16ab9722653805291b6f14b93f35236158941/pagos/6af5bc5ca5a76141750610

Entre as propostas deportivas figuran sesións de iniciación á patinaxe, ao hóckey e ao balonmán, ademais de xogos cooperativos, actividades psicomotrices e retos por equipos. O obxectivo é favorecer o movemento e os hábitos saudables, ao tempo que se promoven o compañeirismo, a inclusión e o xogo limpo.

Unha das principais novidades será a presenza da educación ambiental a través de actividades dedicadas á auga. O obradoiro O camiño da auga achegará o seu ciclo aos participantes mediante experimentos sinxelos e manualidades, mentres que a actividade Canta auga usas convidará a descubrir como aforrar este recurso nas rutinas diarias. A programación tamén prevé unha visita educativa a instalacións do ciclo integral da auga, coordinada por Gestagua, para coñecer como se trata a auga e comprender a importancia do seu uso responsable.

Os obradoiros de adornos de Nadal con materiais reciclados e reutilizables, os xogos populares, as propostas de animación e unha festa de clausura completarán o campamento. Na despedida, os nenos e nenas recibirán un diploma e a súa insignia de Gardiáns da Auga, como recordo dunha experiencia que pretende trasladar tamén aos fogares os hábitos aprendidos.