Dous atropelos deixan un morto en Frades e un ferido grave na Coruña

1 minutes read

Un home de 61 anos faleceu na noite deste venres atropelado por un vehículo na estrada AC-542 ao seu paso pola parroquia de Abellá, no concello de Frades. Un particular alertou o 112 ás 23:40 horas de que había unha persoa tendida na calzada, aparentemente sen signos vitais. Ata o lugar desprazáronse axentes da Garda Civil de Tráfico e persoal sanitario do 061, que só puido confirmar o seu falecemento. O condutor do coche deu negativo nas probas de alcolemia. O accidente rexistrouse nunha zona iluminada pero a vítima, veciña do municipio, non levaba chaleco reflector.

Tres horas máis tarde, varias persoas contactaron coa Axencia Galega de Emerxencias para dar conta doutro atropelo, neste caso na avenida do Porto, na Coruña. Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediron a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. A vítima quedou ferida e foi trasladada a un centro hospitalario. Segundo as testemuñas, o vehículo implicado marchou do lugar polo que a Policía Local está a investigar as circunstancias do sinistro.