AFAGA convoca o seu XI Certame Literario de Relato Curto 2025 ‘Nun recuncho da memoria’

1 minutes read

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) abriu o prazo, ata o próximo 4 de xullo, do seu XI Certame Literario de Relato Curto 2025 ‘Nun recuncho da memoria’, co lema ‘Novos roles familiares nos coidados’.

Nesta edición, AFAGA busca concienciar sobre como as novas estruturas familiares están a modificar a abordaxe dos coidados informais das persoas con Alzheimer ou outras demencias neurodexenerativas. O avance no diagnóstico precoz da deterioración cognitiva, que está a rebaixar a idade dos pacientes e a dos seus cónxuxes, xunto á redución de membros da unidade familiar e ao aumento de persoas que viven soas e/o sen descendencia, está a xerar un transvasamento da responsabilidade dos coidados –aínda moi feminizados- a outro tipo de perfís. Cada vez é máis habitual que os homes, netos ou netas e amizades, etc. asuman o rol de coidadores e que os pacientes carezan dunha rede habitual de apoio.

Premio ao mellor relato en dúas categorías

O certame premiará o mellor relato en dúas categorías (castelán e galego), valorándose a empatía coa enfermidade, a emotividade, a orixinalidade e a frescura, así como a caracterización, o estilo, a calidade técnica da linguaxe ou a coherencia e consistencia da mensaxe. A entrega de galardóns realizarase nun acto público que se celebrará durante o próximo mes de setembro.

Poderán presentarse ao certame literario todas as persoas maiores de 16 anos, que non fosen premiadas en edicións anteriores. As obras deberán ser inéditas, orixinais e escritas sen a axuda de ferramentas de intelixencia artificial.

O xurado estará integrado por un grupo multidisciplinar de expertos profesionais de AFAGA e doutras entidades relacionadas co Alzheimer e a cultura.