Alertan dos riscos da hiperconectividade ao smartphone no eido laboral


O uso saudable do teléfono móbil intelixente ou smartphone centrou a última das xornadas técnicas que en formato webinario estivo a desenvolver o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) durante este primeiro semestre. O curso, no que participaron 109 persoas, afondou na necesidade de implantar hábitos de traballo que minimicen os riscos do emprego dos dispositivos portátiles, tanto na circulación viaria, na ergonomía e psicosocoloxía e en termos de saúde.

A utilización continuada do celular incrementa a exposición a riscos adicionais, tanto a nivel físico como psicolóxico, apunta o Issga, que defende que, como calquera equipo de traballo, debe incluírse na avaliación para establecer as oportunas medidas de prevención.

Así, o Issga considera que o mellor hábito, tanto para a circulación en vehículo ou a pé polas rúas, é o de non utilizar o móbil -tampouco os sistemas de mans libres como a mensaxería ditada- xa que diminúen a capacidade de concentración e, polo tanto, incrementan o perigo de padecer accidentes e, no seu caso, atropelos.

O Issga quere facer un chamamento a que desde o punto de vista preventivo se avance no desenvolvemento lexislativo e investigador sobre as consecuencias do emprego destes  equipos portátiles de traballo na saúde das persoas, en especial das traballadoras e traballadores, a curto, medio e largo prazo.